O persoal do comercio téxtil da Coruña irá á folga contra as pretensións da patronal ARTE de impor un convenio estatal

As traballadoras e traballadores concentraranse o mércores día 10 ás 12 horas na Praza de Lugo contra este ataque aos seus dereitos
A Coruña - 09 Dec 2025

A CIG e UGT teñen convocada unha xornada de folga para mañá, mércores 10 de decembro, no comercio téxtil da provincia da Coruña en rexeitamento ás pretensións da patronal ARTE (integrada polas grandes empresas do sector como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, etc.) de impoñer un convenio de ámbito estatal con peores condicións que as recollidas no convenio provincial de comercio vario.

A convocatoria coincide coa xuntanza da comisión negociadora fixada para o 10 de decembro en Madrid e para darlle máis visibilidade ao seu rotundo rexeitamento a este novo marco regulador de ámbito estatal, traballadoras e traballadores de toda a provincia concentraranse este mércores ás 12 horas na Praza de Lugo da Coruña.

A folga, explicaron en rolda de prensa as representantes da CIG e UGT, Lucía Domínguez e Sheila Canzobre, afecta ao persoal do comercio téxtil das grandes compañías que están implicadas na negociación en Madrid: todas as tendas do grupo Inditex, Mango, H&M, Primark, Bimba&Lola, Tezenis, grupo Tendam (Cortefiel, Women’secret, Springfield), Sport Zone, Kiabi, Mayoral, Punt Roma ou Uniqlo, entre outras.

Sobre o seguimento que se agarda desta xornada de folga -convocada de urxencia ante a présa das multinacionais por pechar o convenio-, Domínguez apuntou á complicación de desenvolver un paro no comercio nestas datas nas que se concentra o reforzo de contratación eventual nas grandes cadeas, mais “esperamos que teña un elevado impacto porque a folga parte da iniciativa das propias traballadoras que están moi preocupadas e cabreadas por esta ataque directo aos dereitos que tanto lles custou conquistar”.

Retroceso nas condicións laborais e salariais

Denunciou que a plataforma estatal representa unha “marcha atrás” nas condicións económicas e laborais do persoal ao impoñer salarios máis baixos (entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos), eliminar calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reducir as licencias, suprimir a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introducir maior flexibilización nos calendarios e horarios, e recortar incluso o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal.

Advertiu Lucía Domínguez que o “que hai enriba da mesa a día de hoxe nestas negociacións implica, por un lado, condicións moi inferiores ás que xa temos na provincia da Coruña e, por outro, intentar deixar sen efecto os convenios provinciais das distintas provincias”. A delegada da CIG criticou que non existe ningún compromiso por parte destas empresas para non aplicar o convenio ARTE naqueles territorios onde os convenios sectoriais recollen condicións superiores nin garantías de que non suporá un retroceso sobre os dereitos actuais xa recoñecidos.

Ambas representantes puxeron o acento en que a medida que vaian vencendo os convenios provinciais, o marco regulador de aplicación será este novo convenio estatal. Neste momento existen convenios coas negociacións bloqueadas e no caso concreto da provincia da Coruña, o convenio de comercio vario (polo que tamén se regula o pequeno comercio, que non está afectado pola folga) vence a 31 de decembro de 2025.

Neste contexto, a CIG entende que a patronal ARTE está desenvolvendo unha estratexia para recortar dereitos e afastar a negociación colectiva co obxectivo de minimizar a capacidade das persoas traballadoras a decidir e incidir sobre o que se negocia; e ao tempo desmobilizar o persoal do sector.