Folga indefinida na sanidade a nivel estatal polo rexeitamento do Ministerio a pactar un Estatuto Marco para avanzar en dereitos

A CIG, SATSE-FSES, FSS-CCOO, UGT e CSIF chaman a secundar unha medida de presión que se desenvolverá todos os martes a partir do 27 de xaneiro
Nacional - 04 Dec 2025

As organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (SATSE-FSES, FSS-CCOO, UGT, CSIF e CIG-Saúde) anunciaron hoxe unha convocatoria de folga indefinida a nivel estatal que se desenvolverá todos os martes a partir do 27 de xaneiro ante o rexeitamento do Ministerio de Sanidade a pactar un Estatuto Marco que beneficie o conxunto das persoas traballadoras da sanidade pública.

Dende estas centrais acusan o Ministerio de non só non querer avanzar na negociación cos sindicatos lexitimados e representativos de todo o persoal do sistema de saúde público estatal, senón que “a dificultou e dilatou ao manter e alimentar unha negociación paralela con outras organizacións fóra do Ámbito de Negociación”. 

Os paros afectarán a todos os servizos sanitarios

Así o explicaron hoxe en rolda de prensa representantes dos sindicatos convocantes, que optaron por promover a folga despois de constatar que, tras preto de tres anos de negociación, o Ministerio que dirixe Mónica García non ten intención de pactar un texto da nova Lei que realmente beneficie ao conxunto do persoal estatutario, “sen excepcións e sen discriminacións entre colectivos profesionais”, e que logre un sistema sanitario “máis sólido, preparado e que proporcione unha mellor atención ás persoas”.

As xornadas de folga, que se celebrarán en todos os servizos sanitarios os martes de cada semana, con carácter indefinido, chegan unha vez que o Ministerio fixo “oídos xordos” a todos os seus intentos de pechar un texto normativo cuxo obxectivo sexa o interese común de todo o persoal. Segundo resaltaron, desde o Ministerio de Sanidade non só non se quixo avanzar na negociación cos sindicatos lexitimados e que representan o 100% do persoal estatutario do SNS, senón que “a dificultou, entorpeceu e dilatou ao manter e alimentar unha negociación paralela con outras organizacións fóra do Ámbito de Negociación”.

A CIG-Saúde, SATSE-FSES, FSS-CCOO, UGT e CSIF lamentan que un Ministerio que forma parte dun Goberno “que se autodefine como progresista e firmemente defensor da sanidade pública”, fose o único que tivo a “dubidosa honra” de lograr unha fronte común sindical para convocar unha folga xeral na sanidade a nivel estatal.

Parálise da negociación

Neste senso, censuran que a ministra non quixese escoitar os 10.000 profesionais que se manifestaron o pasado mes de outubro fronte ás portas do seu Ministerio e, despois de dúas reunións “infrutuosas”, paralizou a negociación con eles, “mentres si avanzan con outras organizacións que defenden intereses particulares dun só colectivo sanitario, comprometendo o interese xeral”. 

Os sindicatos denuncian que o Goberno segue a debilitar o sistema sanitario público estatal

Os sindicatos non entenden como a ministra de Sanidade pode afirmar, en declaracións públicas, que o texto do novo Estatuto Marco está negociado en máis dun 99%, porque non hai “nada máis lonxe da realidade”, e tampouco que siga argumentando que hai asuntos e demandas de melloras cuxa solución non son responsabilidade súa senón doutros departamentos ministeriais.

Neste punto, reiteraron que unha Lei tan importante e necesaria como o Estatuto Marco require dunha acción de goberno coordinada, como lles trasladaron de maneira reiterada, tanto a Sanidade como ao resto de ministerios implicados (Traballo, Función Pública, Seguridade Social e Facenda). “O Ministerio de Sanidade inhibiuse na súa obriga de propiciar e promover esa acción de goberno, mentres que outros departamentos si o fan con respecto a outras materias, o que entendemos que constata a súa debilidade dentro dun goberno de coalición que, cando ten vontade, impulsa, desenvolve e aproba calquera proxecto normativo”, engaden.

Xornada laboral digna

As organizacións sindicais aproveitaron a rolda de prensa para abordar os asuntos que seguen entendendo “irrenunciables” no Estatuto Marco para lograr avances e sobre os que o Ministerio segue sen querer chegar a un acordo. É o caso, por exemplo, das retribucións básicas que deben acompañar o novo marco de clasificación do persoal do sistema estatal de saúde.

Os sindicatos tamén pretenden deixar sentadas as bases na norma para unha xornada laboral digna e adecuada, que concilie a vida familiar e laboral do persoal, ademais doutros aspectos relacionados con esta materia esencial nas relacións de traballo, e que se posibilite acceder á xubilación anticipada e parcial de maneira voluntaria. 

Chaman o persoal a secundar a folga e os actos de protesta que se convoquen

As centrais consideran que o Goberno segue debilitando permanentemente o sistema sanitario, precarizando as condicións de traballo do seu persoal, e non promovendo accións plausibles para resolver os déficits que se visibilizaron durante a pandemia da covid. Esta inacción do Executivo é para os sindicatos unha irresponsabilidade que castiga a pacientes e profesionais, e conduce ao sistema sanitario cara a un camiño sen retorno. “O persoal da sanidade pública é o que hoxe está a soster a asistencia sanitaria a costa dun sobreesforzo permanente que non se pode manter indefinidamente”, advirten.

Por todo isto, animan as persoas traballadoras a secundar a folga indefinida e a sumarse a todos os actos de protesta que se convoquen “co fin de mostrar unidade fronte á división que quere promover a ministra, e que constitúe a súa arma fronte á forza laboral”. E lembran que as as xornadas de paro fan parte da estratexia conxunta de presión e mobilización estas centrais manteñen desde hai meses baixo o lema ‘Un Estatuto Marco para avanzar’.