Folga indefinida nas residencias privadas en demanda dun convenio digno

Segue aquí as últimas novidades do conflito, consulta as convocatorias de mobilizacións e as galerías de imaxes
Nacional - 24 Mar 2022

As traballadoras e traballadores de residencias privadas da terceira idade e centros de día privados de Galiza están en folga indefinida dende o pasado 17 de marzo en demanda dun convenio colectivo que dignifique, dunha vez, as súas condicións laborais e salariais.

Pero os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta - que alcanzan o 100% e que xa foron recorridos nos xulgados-, imposibilitan na práctica o exercicio deste dereito fundamental á folga. Por iso, para darlle visibilidade ao conflito, o persoal está realizando concentracións a diario en diferentes residencias do país e outro tipo de accións mobilizadoras para amosar nas rúas a súa disposición a pelexar por un convenio digno.

Nesta nova iremos colgando informacións relativas á evolución do conflito, informando da convocatoria das mobilizacións previstas e publicando imaxes das distintas accións, compendiadas en galerías organizadas por semana.

Dous anos de negociacións sen avances

O persoal traballador das residencias privadas, maioritariamente mulleres,  leva dous anos sen convenio colectivo e sen o incremento salarial pactado, que tería que se corresponder co IPC e alcanzar, polo tanto, o 6,5%. Co agravante, ademais, de que as empresas si comezaron a aplicar esa suba, que é duns 80€/mes, a cada persoa usuaria e que tamén a Xunta de Galiza incrementou nesa porcentaxe a cantidade que destina a estes centros.

Á convocatoria de folga indefinida chégase despois de dous anos con múltiples reunións de convenio e trala ruptura da mesa negociadora debido ao inmobilismo da patronal, que se nega a dignificar as condicións dun persoal considerado esencial durante a pandemia. Por iso, nas protestas estanse denunciando as condicións de precariedade, tanto salariais coma laborais, na que o persoal ten que traballar, "con salarios miserentos, que en moito dos casos non chegan ao SMI".

A CIG-Servizos critica a actitude das patronais, AGARTE e ACOLLE, que son as dúas asociacións maioritarias neste convenio colectivo, por facer caso omiso ás demandas e propostas das centrais sindicais e das traballadoras.

Mais tamén, rexeitan a actitude mantida en todo este tempo pola Xunta de Galiza, e nomeadamente pola conselleira de Política Social, Fabiola García, que "aínda sabendo da nefasta xestión que estas empresas están a realizar, miran para outro lado". Critican que a Xunta non exerza o labor inspector "e permita estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan e converten os coidados nun privilexio".