Folga no 061 e no transporte programado da área de Vigo pola readmisión de catro despedidos en Ambulancias do Atlántico
A asemblea de traballadores/as de Ambulancias do Atlántico na área sanitaria de Vigo acordaron este sábado convocar folga no servizo programado e no 061 como resposta á negativa da empresa a readmitir a catro compañeiros despedidos sen xustificación. Deste xeito, o servizo de transporte sanitario urxente e programado da área sanitaria viguesa, que xestiona a empresa Ambulancias do Atlántico, verase afectado pola convocatoria de catro xornadas de paro os vindeiros días 29 e 30 de marzo e 1 e 4 de abril.
A decisión do cadro de persoal da concesionaria deste servizo público adoptouse tras unha nova protesta diante das instalacións da empresa en Mos o pasado venres, que foi apoiada por traballadores/as de ambulancias doutras áreas sanitarias como Pontevedra ou Santiago.
A presión sindical -con numerosas mobilizacións e o anuncio de folga indefinida a partir do 28 de marzo, que presumiblemente será suspendida- fixo que Ambulancias do Atlántico abandonase o servizo do 061 na área sanitaria de Santiago e logrou que a actual UTE que xestiona o servizo asumise a reincorporación do traballador que fora despedido inxustamente nesta zona.
No caso de Vigo a empresa négase a readmitir a catro empregados aos que tamén se lles rescindiu o contrato sen xustificación a pesar de que a compañía non conta con persoal suficiente para cubrir baixas e descansos, por iso o seus compañeiros/as optaron por convocar catro xornadas de folga para esixir a súa inmediata reincorporación.