Francisco González Sío denuncia no Senado o medre da precariedade laboral e a exclusión sindical

Nacional - 13 Mai 2025

Francisco González Sío, secretario confederal de Emprego da CIG, interveu esta mañá na Comisión de Traballo e Economía Social do Senado para analizar a situación do mercado laboral. Convidado polo BNG, González Sío defendeu a pluralidade sindical, criticou a insuficiente redución da xornada laboral, denunciou os efectos regresivos da reforma laboral de 2021, alertou sobre a institucionalización da pobreza laboral, e reclamou un Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que cumpra coa Carta Social Europea. Acusou, ademais, ao Goberno de excluír os sindicatos maioritarios das nacións do Estado do diálogo social, vulnerando os seus dereitos de representación.

González Sío puxo en valor “a pluralidade do Estado, que tamén se produce no mundo do traballo” e explicou que sindicatos como a CIG, maioritarios en Euskadi e Galiza xorden polo “sentimento de autoorganización da clase traballadora galega”, que aposta por un modelo sindical diferente ao da concertación social practicada por CCOO e UGT.

Criticou, por iso, a proposta de redución da xornada laboral por “insuficiente” e “propagandística”. Denunciou que “a nova regulación que se quere aprobar non vai ter unha aplicación efectiva”, xa que as traballadoras e traballadores “non van saír media hora antes do seu lugar de traballo”.

Por iso advertiu que “todo o que non pase por reducir a xornada laboral a 35 horas semanais será un fracaso e un engano”. E denunciou a exclusión da CIG das negociacións desta reforma, malia a súa condición de sindicato máis representativo, vulnerando os principios de neutralidade e liberdade sindical.

Precariedade e pobreza institucionalizadas

González Sío cargou tamén contra a reforma laboral de 2021, que non derrogou a de 2012 do PP, perpetuando os recortes de dereitos. Denunciou que, desde a súa entrada en vigor, “confírmase mes a mes o que estivemos denunciando que sucedería”, cun aumento da precariedade a través de novas modalidades de contratación. Sinalou que “a contratación a tempo parcial e a fixa-discontinua” substituíron os contratos temporais, reducindo as estatísticas de temporalidade pero non a inestabilidade real.

Criticou o abuso dos períodos de proba, que permiten despedimentos sen indemnización, funcionando como “un despedimento libre”, e o reforzo das ETT e axencias privadas de colocación en detrimento dos servizos públicos de emprego. Alertou sobre a xeneralización dos ERTE permanentes, a continuidade das desigualdades de xénero, e a extensión dos baixos salarios, afirmando que “as empresas transfiren ao sector público os custos sociais desta realidade de precariedade xeneralizada”. Isto, sumado á dificultade para acceder a prestacións por desemprego, resulta nunha “clase traballadora empobrecida” onde “ter traballo xa non permite ter os ingresos necesarios para vivir dignamente”, dixo.

Por iso denunciou que a reforma institucionaliza “a inestabilidade e inseguridade laboral” e a “pobreza laboral”, afectando especialmente á mocidade e ás mulleres, convertidas en “man de obra barata”. Alertou de que “máis da metade das familias en pobreza teñen emprego”, unha situación agravada pola carestía da vida, pero cuxa orixe está nas reformas laborais que paralizan a negociación colectiva e reducen os salarios mentres as ganancias do capital seguen crecendo.

González Sío acusou ademais ao Goberno de incumprir a Carta Social Europea, que establece que o SMI debe alcanzar o 60% do salario medio nacional neto. Segundo cálculos da CIG, baseados nos métodos do Comité Europeo de Dereitos Sociais e datos de Eurostat, o SMI debería ser de 19.522,8 euros anuais, o que implica que os 16.576 euros actuais representan só o 50,94% do salario medio, quedando 212 euros mensuais por debaixo do requirido. Referiuse tamén á reclamación colectiva presentada pola CIG en outubro de 2024 ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais.

Propuxo que o decreto do SMI estableza que os complementos salariais non sexan compensables nin absorbibles, para evitar que as empresas neutralicen as subas, e demandou a derrogación do IPREM, utilizando o SMI como único indicador para prestacións sociais.  González Sío defendeu que subir o SMI non xera desemprego, senón que aumenta a produtividade, apoiándose no estudo do Nobel de Economía David Card, e criticou as posturas neoliberais, como as do gobernador do Banco de España, que “cada vez que sobe o salario mínimo sae a criticar”.

Exclusión Sindical e Diálogo Social

O secretario confederal de Emprego concluíu denunciando a exclusión de sindicatos como a CIG do diálogo social e da participación institucional. Apuntou que a Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS) de 1985, que recoñece a pluralidade sindical, é insuficiente, e que os gobernos de coalición (PSOE-Podemos e PSOE-Sumar) a consideran “excesiva”. Acusou ao Goberno de practicar un “segregacionismo” e denunciou que esta exclusión responde a unha “ideoloxía españolista” que ve o separatismo na LOLS e a unha “obsesión uniformizadora” que non tolera as visións discrepantes do sindicalismo nacionalista. Ironizou que “a este paso acabarán pactando consigo mesmas”.

Referiuse á sentenza do TCl 98/1985, que equipara os dereitos de representación dos sindicatos autonómicos aos estatais, e denunciou que esta política de exclusión vulnera a función institucional recoñecida pola LOLS. González Sío concluíu chamando a superar o centralismo e os principios neoliberais, urxindo medidas para rematar coa precariedade, a contratación a tempo parcial e a temporalidade en todos os sectores.