Gardacostas de Galiza concéntranse na Delegación do Goberno polo dereito a estar no réxime especial do Mar

Nacional - 22 Dec 2022

Gardacostas de Galiza concentráronse este xoves diante da Delegación do Goberno na Coruña para reclamar a modificación da Lei 47/2015, que regula a protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro, e se inclúa no TREMAR ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas.

Con esta protesta, a CIG dá continuidade á campaña para reclamar unha solución á discriminación que sofre este colectivo laboral polo simple feito de ser persoal funcionario. A concentración, explica a secretaria nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, realizouse coincidindo co debate no pleno do Congreso da Lei de Pesca Sostíbel a través da cal a CIG promovera unha emenda (que foi presentada polo BNG) para a inclusión dos/as gardacostas no réxime do mar.

Burgos explicou que a semana pasada, unha representación da CIG e do persoal do sector reuniuse cos grupos parlamentarios no Congreso das e dos Deputados para pedirlles o seu apoio á dita emenda. Pero aínda que todos os grupos recoñeceron a discriminación por razón de réxime xurídico que sofre o persoal do servizo de Gardacostas, o Goberno español vetou que se debata e, polo tanto, que se vote a emenda, alegando cuestións orzamentarias.

Diante desta negativa do Executivo estatal, Burgos xa adiantou que a CIG non se rende, continuará mobilizándose e "insistindo na reforma lexislativa para que se inclúa o colectivo, urxentemente, no réxime especial do mar”.

Cómpre lembrar que ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores e traballadoras do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións, como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da Seguridade Social.

Sen coeficientes redutores e vixilancia médica específica

Está situación esperpéntica supón que o persoal Gardacostas non teña a protección para a súa saúde, como o acceso á xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar.

A secretaria do sector de Autonómica engadiu que o colectivo de Gardacostas depende da Consellaría do Mar e a idade media dos cadros de persoal supera os 55 anos. Nalgunhas bases o persoal xa pasa dos 62 anos e incluso 65 anos, salientou Burgos. “Pero mentres compañeiros e compañeiras de empresas privadas que comparten embarcación e faenas (como Remolcanosa ou Salvamar) si están incluídos no TREMAR, e polo tanto teñen coeficientes redutores da idade de xubilación, o persoal do servizo público de Gardacostas non, só por seren persoal funcionario”.

A CIG-Autonómica leva meses reclamándolle á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que acheguen unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por seren persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a CIG denuncia que, malia ser coñecedores, polo de agora nin a Xunta da Galiza, nin os ministerios implicados foron quen de ofrecer unha solución real ao problema.