GFS incorre no mesmo incumprimento que Prosetecnisa e entra no servizo con atrasos no pagamento da nómina

Ferrol - 10 Out 2022

A CIG-Servizos alerta da situación do persoal de seguridade privada que acaba de sufrir unha subrogación totalmente irregular, pasando da empresa Prosetecnisa a GFS Security Group. Advirten que este proceso se produciu de maneira opaca e sen ningún tipo de información ao comité, durante a venda de servizos acontecida de maneira recente.

A empresa entrante comezou o día 1 de outubro a xestión os servizos de seguridade que até entón tiña adxudicados Prosetecnisa en Galiza, tales como a vixilancia de acceso a Reganosa, Gadisa e Forestal del Atlántico ou a vixilancia dos hospitais públicos de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.

Nun principio, explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, a nova empresa viña facerse cargo destes servizos debido a unha acusada falta de liquidez de Prosectenisa, que acumulaba atrasos continuados no pagamento das nóminas. Porén, a nómina do mes de setembro, devindicada coa empresa saínte, non foi abonada por ningunha das dúas empresas, "co cal nos atopamos cun novo incumprimento de convenio respecto da data máxima de abono dos salarios, por terceiro mes consecutivo".

A isto hai que sumarlle, engade Rodríguez, que GFS está tratando de que o persoal lle asine unha serie de documentación, entre a que está unha acta de entrega de EPI que aínda non produciu.

Denuncias nos xulgados

Sobre a subrogación á nova empresa, dicir que GFS está demandada por falsificación documental, posto que algúns dos certificados entregados neste proceso foron falsificados. Esta actuación xa está denuncia nos xulgados e, salienta o representante da CIG, esta non é a primeira vez que a empresa procede deste xeito, pois xa foi vetada da contratación de servizos de seguridade na cidade autónoma de Melilla por tal motivo.

A todo isto hai que engadir que nas cartas de subrogación enviadas ao persoal existe unha cláusula na que a empresa pretende eludir a responsabilidade do pagamento das cantidades devindicadas en Prosetecnisa, "cláusula totalmente contraria á legalidade e que tamén terá que ser dirimida nos xuízos que terán lugar a través das demandas individuais de reclamación de cantidades que irán interpoñendo as traballadoras e traballadores afectados".

Nos meses de agosto e setembro a CIG xa denunciou publicamente os abusos de Prosetecnisa e presentou varias denuncias na Inspección de Traballo e Seguridade Social. Agora, e tras do cambio de empresa, "abrimos o mes de outubro con outro comunicado denunciando que a recén chegada GFS Security semella ter todos os vicios e malos hábitos que tiña a empresa saínte, abocando as traballadoras e traballadores dos servizos cedidos á máis profunda das incertezas".

A CIG continuará demandando unha solución estábel para un sector "que vén arrastrando os mesmos problemas de precariedade e incerteza dende hai décadas, apostando por un modelo no que empresas como estas dúas non teñan cabida".