O 90% do persoal do gran comercio téxtil da Coruña secunda a folga contra o convenio que pretende impor a patronal ARTE
A folga convocada este mércores por CIG e UGT no gran comercio téxtil da provincia da Coruña está rexistrando un seguimento de arredor do 90% do persoal, coas principais tendas das empresas afectadas pechadas (tanto as situadas nas áreas comerciais como as dos centros das cidades e vilas) ou funcionando a mínimos. A xornada de folga desenvólvese coincidindo coa reunión da comisión negociadora do convenio ARTE (integrada polas grandes compañías como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Bimba&Lola, Uniqlo, Punt Roma, Mayoral, etc.), fixada para hoxe ás 16:00 horas en Madrid.
O masivo respaldo á folga, malia as complicacións derivadas do escaso tempo para preparala e do reforzo da contratación eventual para a campaña do nadal, evidencia o unánime rexeitamento que xera entre as traballadoras e traballadores a negociación promovida pola patronal ARTE (constituída hai dous anos) co obxectivo de impoñer un convenio estatal que supón un ataque directo aos dereitos laborais e salariais conquistados.
Unhas 1.500 dependentas da comarca da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrolterra (dun colectivo de 2.500) sumáronse nunha multitudinaria mobilización este mediodía na cidade herculina en defensa do dereito a negociar aquí as súas condición de traballo “e que non sexan as cúpulas sindicais en Madrid quen decidan pór nós”.
A mobilización iniciouse cunha concentración na rúa Compostela, rodeou a Praza de Lugo e rematou nas inmediacións do Obelisco, onde se fixo un chamado a continuar na loita para impedir que se asine o convenio estatal do gran comercio téxtil e de calzado que promove ARTE, mais tamén coa vista posta na próxima negociación do convenio provincial de comercio vario (que actualmente regula a este persoal) que remata o próximo 31 de decembro.
A representante da CIG, Lucía Domínguez, explica que a proposta que ARTE puxo enriba da mesa “contempla condicións moi inferiores ás que temos actualmente no convenio provincial. Por iso, o obxectivo da folga, impulsada polas propias compañeiras, é intentar impedir que hoxe se asine ese convenio empobrecedor e que recorta os nosos dereitos”.
Engade que este é o primeiro día de folga, pero xa avanza que “vai ser unha loita longa pola intención da patronal das grandes multinacionais de precarizar o sector de comercio”. Sobre o retroceso que representa a plataforma estatal para as traballadoras e traballadores, Domínguez advirte que contempla salarios máis baixos (entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos), elimina calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reduce as licencias, suprime a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introduce maior flexibilización nos calendarios e horarios, e recorta incluso o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal, que no convenio provincial da Coruña está recoñecido no 100% da cobertura.
Domínguez denuncia que son precisamente as multinacionais e grandes grupos do sector, con millonarios beneficios, “quen promove e pretende destruír os dereitos que as traballadoras fomos conquistando nas últimas décadas. Este convenio ARTE constitúe un retroceso de 20 anos nas condicións que temos recoñecidas o persoal da provincia da Coruña”.
A delegada da CIG indica que non existe ningún compromiso por parte destas empresas para non aplicar o convenio ARTE naqueles territorios onde os convenios provinciais recollen condicións superiores, nin garantías de que non suporá un retroceso sobre os dereitos actuais.
Pero ademais, alerta, con esta manobra a gran patronal busca afastar a negociación colectiva dos centros de traballo e destruír a capacidade de decisión do persoal sobre as súas condicións laborais. “Pretenden que outros decidan por nós e non respectar a representación sindical elixida polas traballadoras da provincia da Coruña”, rexeita.
Mobilización do persoal da provincia de Pontevedra
Pola súa parte, arredor dun cento de persoas traballadoras do sector na provincia de Pontevedra desenvolveu unha concentración esta tarde diante do Marco de Vigo convocadas pola CIG-Servizos, onde despregaron carteis e berraron consignas como "Convenios aquí e non en Madrid", "Patronal culpábel da nosa precariedade", "Convenio provincial e non estatal" ou "Convenio ARTE, convenio precario".