Persoal de grandes almacéns secunda a folga contra a precariedade e a sobrecarga laboral
O persoal dos grandes almacéns galegos secunda este xoves, día festivo de apertura, a primeira xornada de folga de 24 horas convocada neste sector, contra a precariedade, a falta de persoal e a sobrecarga de traballo e en defensa de condicións laborais dignas e salarios xustos.
Coincidindo co paro, tamén se realizaron mobilizacións no Carrefour, no IKEA e no MediaMarkt da Coruña, no MARCO de Vigo, no Alcampo de Vilagarcía e Santiago e no CC Carrefour de Lugo. Esta xornada de folga enmárcase na compaña que está a desenvolver a CIG-Servizos contra a precariedade laboral e salarial no sector, que se prolongará no tempo xa que o convenio de grades almacéns remata a súa vixencia a 31 de decembro e o próximo ano tocará negociar a súa actualización.
Dende a central lembran que empresas como El Corte Inglés, Carrefour, Alcampo, Leroy Merlin, MediaMarkt, IKEA, Conforama, C&A, Feu Vert, Toys“R”Us, Obramat ou Fnac continúan aplicando modelos organizativos que precarizan as condicións laborais das persoas traballadoras do sector en Galiza. Ao tempo que aumentan as cargas de traballo, reducen os cadros de persoal e non cobren baixas, vacacións nin licenzas. “Unha situación está a provocar máis presión e ritmos de traballo cada vez máis elevados, con consecuencias directas na saúde dos cadros de persoal”.
Trátase ademais dun sector altamente feminizado e cunha elevada porcentaxe de contratos a tempo parcial, no que resulta moi difícil conciliar a vida laboral e familiar. No que as compañías impoñen o traballo en domingos e festivos autorizados pola Xunta de Galiza, moitas veces sen compensación e mesmo incumprindo os descansos establecidos pola lei. “Mentres tanto, os salarios apenas superan o SMI e non recoñecen nin a responsabilidade nin a carga real de traballo”, cando as empresas, grandes multinacionais, seguen obtendo beneficios multimillonarios ano tras ano.
A CIG denuncia que este deterioro laboral e salarial é consecuencia directa da mesa de negociación que se desenvolve en Madrid, “onde os grandes sindicatos estatais actúan como cómplices necesarios, xa que como asinantes reiterados deste convenio estatal certifican e perpetúan que a clase traballadora galega padeza condicións laborais e salariais precarias”.
Polo que a central sindical decidiu poñer en marcha unha campaña de mobilizacións que comezou o pasado 6 de abril con concentracións en distintos establecementos e que continuou o pasado venres 27 con novas protestas.