Impiden á Asociación Galega de Matronas concentrarse en Silleda para denunciar a precariedade laboral

Querían despregar unha pancarta diante do pavillón que acollía as probas da OPE do Sergas

Silleda -

Un grupo de matronas da Asociación Galega de Matronas (AGAM) tiña previsto concentrarse diante do Recinto da Feira Internacional de Galiza, en Silleda, coincidindo coa fase de exames de oposición convocados polo SERGAS que se celebraba esta fin de semana. A concentración non puido celebrarse porque a propia garda civil –dúas patrullas- comunicoulles que fora denegada. Unha situación diante da que aseguran sentirse “indignadas”.

As matronas non entenden como é posible que a subdelegación do goberno lles denegara o dereito a concentrarse cando o único que pretendían era despregar unha pancarta contra a precariedade laboral que sofre este colectivo.

Desde a Agrupación querían denunciar as condicións laborais de extrema temporalidade á que se vén abocadas as matronas eventuais. Como exemplo poñen o dunha das traballadoras que leva, a esta altura, 11 anos e 31 días no SERGAS e acumula 53 contratos: 16 inferiores a 15 días; 22 de 1 ou 2 días e de 2011 a 2018, contratos por obra e servizo asinados cada 6 meses.

Ou doutra que leva a esta altura 3 anos e 9 meses no SERGAS con 2 anos e 2 meses de tempo efectivo traballado, sumando xa 64 contratos en 8 hospitais diferentes e en 3 provincias distintas: 22 deles de 1 día ou noite e 7 de máis de un mes.

260 contratos en 7 anos

E se a situación destas matronas parece insuperable, aínda é peor a de outra compañeira que tras 7 anos e 9 meses traballando en 2 Comunidades Autónomas, só suma de tempo traballado 4 anos e 5 meses, parte no SERGAS e acumula un total de 260 contratos en 4 hospitais e en 3 zonas de Atención Primaria. Deste enorme número de contratos, 221 foron de 1, 2 e 3 días e 12 contratos de arredor dun mes.

Volver