Inditex obriga a súa contrata de limpeza a aplicar un ERTE a pesar de que o almacén de Zara segue funcionando

A representación da CIG critica esta decisión cando máis necesario é garantir a limpeza e desinfección
A Coruña - 27 Mar 2020

Servilimpsa Samsic, contrata que se ocupa da limpeza da sede central de Inditex e da plataforma loxística de Zara en Sabón (Arteixo) acaba de anunciar un ERTE por forza maior a partir de mañá que afectaría ao 77% do persoal que realiza a limpeza do almacén. A representación da CIG no comité de Zara Loxística e no comité de Servilimpsa denuncia que se adopta esta medida cando as necesidades de limpeza e desinfección son un elemento fundamental para evitar novos contaxios.

Neste senso, subliñan que se comunica o ERTE a pesar de que en Zara Loxística continúa traballándose tódolos días "e aínda que nalgunhas xornadas se reduce o tempo de traballo as necesidades de limpeza e desinfección aumentaron desde a extensión da pandemia de COVID-19". O comité de empresa do almacén intensificou as demandas nos últimos días para esixir máis limpeza e desinfección e, incluso, aumento de persoal de limpeza xa que os traballadores e traballadoras de Servilimpsa "non son capaces de atender as necesidades hixiénicas de todas as zonas e elementos de traballo".

A empresa, ademais, négase a complementar de ningunha maneira as exiguas cantidades que van cobrar os traballadores e traballadoras durante o ERTE.

"E neste momento, a decisión que lle impón Inditex á súa contrata de limpeza e que 7 persoas se ocupen da hixiene de desinfección de máis de 500.000m² distribuídos en 5 andares onde traballan 1.200 persoas as 24 horas do día en tres quendas", advirten. Un número de traballadores/as que resultaría claramente insuficiente incluso sen estarmos en situación de emerxencia sanitaria.