Loitas que deron pulo ao sindicalismo nacionalista: A folga de agosto de 1977 do transporte de Lugo

Manuel Mera - 24 Ago 2020

Estas loitas déronse nun contexto político complexo, ambivalente, onde por unha banda había medidas de apertura, forzadas pola presión social –especialmente a clase obreira-, porén mantíñanse en pé moitas das vellas estruturas, o aparello represivo e a maquinaria burocrática do franquismo

 Despois da dura represión sobre o movemento obreiro galego por parte da ditadura franquista, como resposta ás folgas xerais de 1972, en marzo en Ferrol e en setembro en Vigo, devagar foise recuperando a mobilización da clase traballadora. Foi un proceso que abrangueu a toda Galiza, e non só ás grandes empresas do metal, senón que tamén a outros sectores moi postergados, ou porque tiñan un papel secundario na actividade produtiva, pola súa fragmentación e a baixa cualificación. Sen dúbida. axudaba na extensión da conflitividade as tímidas reformas políticas e a legalización das centrais sindicais.

 Neste contexto a provincia de Lugo sería escenario no ano 1977 de varios e importantes conflitos e mobilizacións sociais. Os actos de protesta social máis significativos daquel ano foron: a marcha de Xove o 10 de abril, contra a pretensión de Fenosa de instalar unha central nuclear; a manifestación do 3 de setembro contra a cota empresarial agraria e a gran concentración no pavillón de deportes da cidade de Lugo o 26 de novembro coa presenza de 15.000 labregos, sendo convocadas ambas as manifestacións polo SLG (CC.LL). No ámbito laboral hai que salientar as folgas sectoriais do metal e construción e transporte, así como en Alúmina-Aluminio o paro dos traballadores das empresas construtoras da factoría, que comezou o día 11 de xullo e rematou o 26 de agosto. Durou 46 días!

 En relación cos estes conflitos laborais no seu número 15, do mes de abril, a revista Teima destacaba en titulares: unha folga pró SOG. Referíase ao paro da construción en Lugo. Engadíase no texto: “no desenrolo da folga destacouse como principal dirixente o Sindicato Obreiro Galego (SOG) que foi arredando a Comisións Obreiras (CC.OO) deica estas quedaren ó marxe”.

 Estas loitas déronse nun contexto político complexo, ambivalente, onde por unha banda había medidas de apertura, forzadas pola presión social –especialmente a clase obreira-, porén mantíñanse en pé moitas das vellas estruturas, o aparello represivo e a maquinaria burocrática do franquismo. No mes de abril permitiuse a legalización das organizacións sindicais así como as folgas -en determinadas condicións- porén continuaban a funcionar as UTTs (Unión de Técnicos e Traballadores, que integraban aparello vertical do sindicalismo corporativista da ditadura, coa vella burocracia sindical, aínda que estaban moi infiltradas por Comisións Obreiras nalgúns sectores e provincias). Lembremos que foran prohibidas algunhas das manifestacións do 1º de Maio dese ano, e en Vigo e A Coruña foron disoltas violentamente pola policía con moitos detidos.

 O Sindicato Obreiro Galego fundárase dous nos antes, en maio de 1975, a partir dos xermolos sindicais, e a Intersindical Nacional Galega (ING), na que se integraban os distintos sindicatos de orientación nacionalista, legalizarase nos primeiros días de maio de 1977. A estrutura sindical do nacionalismo era polo tanto moi feble, en comparación coa fortaleza que tiña Comisións. Tendo o SOG ademais que competir con outros sindicatos como USO (1950), CNT e a UGT. Esta última practicamente non tivera actividade durante a ditadura na Galiza. Tamén xurdiron outras centrais, como é o caso da CSUT (1976), unha fractura de CCOO pola esquerda, que tivo unha importante presenza na conflitividade dos convenios de sector.

Transporte, 14 días de folga

 Analicemos agora a folga da construción en Lugo á que fai referencia o titulo do artigo. No Eixo do mes de xullo o SOG indicaba que era fundamental organizarse, para poder seguir o exemplo de Pontevedra, na negociación do convenio colectivo do Trasporte da provincia de Lugo. Denunciaba así mesmo a actitude confusionista da UTT (o sindicato vertical), que intentaba negociar unha táboa distinta á aprobada na asemblea. A situación de transición facía que na comisión negociadora os traballadores estivesen representados polas UTTs –a única legal para estes efectos-, e que nos sectores máis dinámicos a burocracia vertical tiña que compartir esta representación con portavoces elixidos nas asembleas que se impuñan desde os sindicatos, até hai pouco tempo clandestinos e perseguidos. No Eixo engádese que os portavoces elixidos pola asemblea eran: Julio Fernández Marrán, José Angel Díaz, Alejandro Álvarez Méndez, José Luís Trigo Veiga, José Manuel Muimelo e Ramón Angel García Pena.

 O día 27 de xullo fíxose unha asemblea e nela decidiuse convocar un paro indefinido desde o 5 de agosto. As diferenzas entre a patronal e os traballadores eran máis que evidentes e o conflito inevitábel. Os empresarios ofrecían 1.000 pesetas de aumento ao mes, o salario no sector era de 13.200 pesetas. A reivindicación dos traballadores fixouse en 28.437 pesetas pra o condutor mecánico e 24.375 pra o mozo.

 Unha comparación necesaria é a que podemos facer cos ingresos noutra provincia pra igual categoría, por exemplo en Pontevedra, onde se conseguira un salario de 19.000 pesetas pra o condutor mecánico despois dunha folga de oito días. A diferenza era de 6.000 pesetas co que cobraba un operario en Lugo, moi por riba das 1.000 que ofrecía a patronal. Este convenio serviría de referencia en toda a negociación. Temos que saber, así mesmo, que os aumentos do IPC eran moito máis altos que os actuais, no ano 1977 foi dun un 30% e de máis do 20% en 1976.

 O primeiro día de paro houbo catro detidos na cidade de Lugo, polo que se fixo unha concentración de medio cento de traballadores fronte ao Goberno civil, e foron liberados. Tamén sería detido en Viveiro Miguel Campuzano –membro do Cumio Nacional do SOG-. Os xornais salientan que a folga foi seguida polos 1.200 traballadores afectados. Ese mesmo día fíxose unha nova asemblea, na que se indicou que a última reunión coa patronal foi a do día 4 e a seguinte non sería até o día 9 de agosto, o que tendo en conta o éxito do paro amosa a pouca disposición á negociación dos empresarios. Nos días seguintes os xornais fan mención ao peche da Estación de Autobuses e á acción dos piquetes informativos, así como de rodas pinchadas e outros incidentes menores. O SOG denunciaba “a actuación da forza pública no día de hoxe pola mañá (5 de agosto) ao reprimir varios piquetes, que non exercían ningún tipo de presión sobre os condutores, limitándose a un labor informativo” (La Voz de Galicia, 6 de agosto).

 O día 10 de agosto facíase unha asemblea no local do SOG á que acudían 400 obreiros e na que se acordaba non aceptar a última proposta da patronal, que era de 4.000 pesetas mensuais, os traballadores a esta altura pedían un aumento de 7.000 pesetas. Nos xornais do 13 de agosto facíase referencia a que nos almacéns algunhas mercadorías comezaban a esgotarse, despois de oito días de conflito. Os periódicos facían tamén referencia a que o paro atinxía a 1.221 operarios e 1.110 propietarios de vehículos.

 En La Voz de Galicia do 16 de agosto dicíase o seguinte “apreciamos o domingo como circulaban dous autobuses que ían precedidos por un jeep policial... En xeral os servizos regulares de viaxeiros continúan sen ser cubertos...”. O día 18 de agosto, despois de 14 días de folga, as partes chegaban a un acordo ás 9 da noite, logo de 24 días de negociacións. Antes do asinamento do convenio fíxose unha asemblea na que en votación secreta os traballadores aprobaron o texto do acordo, e despois de asinado realizouse unha nova reunión na AISS coa presenza de 500 persoas. Nesta asemblea falou Manuel Fernández, como asesor do SOG (e dirixente do sindicato), que “expuxo as melloras conseguidas, explicando que o convenio era o máis alto do sector en Galiza... a súa intervención foi aplaudida en dúas ocasións” (La Voz de Galicia, 19 de agosto).

 No Eixo nº12, voceiro da ING do mes de setembro, facíaselle unha entrevista a M. Fernández durante a folga do transporte, preguntándolle sobre as reivindicacións e a incidencia do SOG: “Os compañeiros do transporte están respondendo moi ben; moi combativos e disciplinados. Comezaron uns dez compañeiros afiliándose ao sindicato, hoxe están no SOG uns 500 que asisten a tódalas asembleas”. Cómpre dicir que as afiliacións naqueles anos foron masivas en todas as centrais sindicais, porén tamén transitorias, respondían ao estado de ánimo do momento, os Pactos da Moncloa, que non se avanzase na ruptura democrática tivo consecuencias nos vindeiros anos.

 Vexamos as melloras acadadas co paro: salario base do condutor mecánico 19.050 pesetas e do mozo 16.680 pesetas; dietas 800 pesetas; horas extras 100% as dúas primeiras e as demais ou as feitas en días festivos ao 150%; o plus de toxicidade pasou de 3.000 a 5.000 pesetas; 28 días mínimos de vacacións, tres máis que antes. O voceiro da ING, Eixo, valoraba o convenio como un triunfo, non se trabucaba, os resultados desta mellora veríanse pouco despois nas primeiras eleccións sindicais, nas que a ING acadaba os seus mellores resultados porcentuais de Galiza nesta provincia.

_______________________________________________________________________________________

Nota:  Manuel Fernández, así como tres militantes máis da UPG, foran detidos o mesmo día que foi asasinado Moncho Reboiras no Ferrol, o 12 de agosto de 1975. Foron condenados, encarcerados na cadea da Coruña e serían amnistiados xunto a outros presos políticos en febreiro de 1977.

_______________________________________________________________________________________

 

[Vigo, 24 de agosto de 2020]