Maioría absoluta da CIG en Indra Gestión de Usuarios, na Coruña, e en Experis en Vigo

A central sindical nacionalista segue reforzando a súa posición no sector das TIC
Nacional - 17 Feb 2023

A CIG vén de obter a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas o pasado mércores, día 15 de febreiro, en Indra Gestión de Usuarios, na Coruña,  e este xoves, día 16, en Experis, en Vigo. O sindicato reforza así a súa posición no sector das TIC.

O mércores celebráronse eleccións en Indra Gestión de Usuarios, no seu centro de traballo da Coruña, unha das partes da empresa multinacional pertencente ao Ibex-35, no que a CIG acadou 4 dos 5 postos do comité de empresa convocado. A outra delegada recaeu en UGT e CCOO quedou sen representación.

Este xoves foi a quenda de Experis no seu centro de traballo de Vigo. Nesta consultora tecnolóxica só concorreu unha lista, a do sindicato nacionalista con 8 compañeiros e compañeiras, polo que quedaron elixidos polos traballadores e traballadoras os 5 membros do comité correspondentes da CIG.

A CIG-TIC valora moi positivamente os últimos resultados electorais que considera que “reforzan a liña seguida estes 4 anos e que se vén de ratificar nunha asemblea nacional de delegados e delegadas celebrada este pasado 8 de febreiro, onde se acordou seguir impulsando a renovación de delegados e delegadas da CIG-TIC e a celebración de eleccións sindicais naquelas empresas onde non existe representación legal do persoal, para poder seguir avanzando na mellora de dereitos para os traballadores e traballadoras do sector TIC”.