Máis de 300 delegados/as protestan diante de Coren para denunciar a explotación do persoal de Servicarne en Frigolouro

O secretario xeral da CIG, que participou na mobilización en Ourense, lembrou que se trata dunha loita solidaria en defensa dos intereses da clase traballadora
Vigo - 05 Mai 2016
Máis de 300 delegados/as sindicais da CIG participaron hoxe na concentración convocada diante da planta principal de Coren en Ourense en solidariedade coa loita do persoal autónomo de Servicarne en Frigolouro, compañía porriñesa que pertence ao grupo cooperativo orensán. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, lembrou ao remate da protesta que se trata dunha loita en defensa dos intereses do conxunto da clase traballadora e adiantou que as mobilizacións continuarán para denunciar a explotación laboral na empresa.

(Galería de imaxes)

A concentración, celebrada diante da sede de Coren na parroquia ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo -onde se atopan as oficinas centrais da empresa- de 11.00 a 12.00 horas, foi promovida pola FGAMT-CIG en solidariedade coa loita dos falsos/as autónomos/as de Servicarne dependentes de Frigolouro, que reclaman a readmisión dos cinco despedidos tras participar na folga contra a explotación laboral e en demanda dunhas condicións de traballo dignas. Nela participaron máis de 300 delegados/as das distintas federacións das comarcas de Vigo, Ourense e Pontevedra.

A mobilización desenvolveuse nas proximidades das instalacións da empresa baixo un desproporcionado dispositivo da Policía española formado por preto de medio cento de axentes, incluíndo un grupo pertencente á unidade “antidisturbios”. No lugar despregouse unha faixa denunciando a explotación en Frigolouro e berráronse consignas como “A explotación non é a solución”, “Despedidos readmisión” ou “Servicarne explotadores”. Na protesta participou tamén un pequeno grupo de afiliados/as da CNT.

Novas mobilizacións

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que interveu ao remate da concentración, lembrou que a loita solidaria co persoal de Servicarne que desenvolve o seu labor en Frigolouro “é unha loita en defensa dos intereses do conxunto da clase traballadora” e adiantou que a central continuará a convocar mobilizacións para denunciar a explotación na empresa. “Volveremos a Ourense, pero a próxima vez pasaremos pola rúa dedicada a Franqueira [fundador de Coren] e xunto ao seu nome porémoslle un letriro que diga explotador”.

Neste senso, asegurou que a CIG non está disposta a baixar a cabeza diante deste novo intento de destruír dereitos “que foron conquistados poala clase traballadora ao longo de moitos anos de loita”. Seixo denunciou que baixo o capitalismo incluso a chamada economía social, da que fan parte as cooperativas, é utilizada polo sistema non para favorecer a clase traballadora “senón para explotala e rematar cos seus dereitos”. Finalmente, cargou contra as últimas reformas laborais aplicadas ao amparo da crise económica e denunciou que “o capital ten moi claro que as medidas que conteñen chegan para quedarse, co obxectivo de debilitarnos como clase”.

Previamente tomara a palabra o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Luciano Villar, para explicar o conflito laboral aberto en Servicarne e denunciar as condicións laborais de explotación que se vive na cooperativa de traballo asociado (sen horario fixo, con ritmos de traballo salvaxes, sen cobrar os descansos, con sancións, sen baixas laborais, sen licenzas retribuídas, etc.). “Padecen unhas condicións laborais do século XIX”, dixo a modo de resumen.