Máis de 400 doentes están sen citar en psiquiatría no Hospital de Monforte pola falta de especialista

CIG-Saúde denuncia a infradotación de persoal e a non cobertura dos postos en cardioloxía e neuroloxía
Monforte - 20 Out 2021

A sección sindical de CIG-Saúde no Hospital de Monforte denuncia a precaria atención que se presta na comarca pola infradotación de persoal sanitario. Á falta dun/ha cardiólogo/a, de neurólogo/a e de médico/a dixestivo hai que sumar agora a non cobertura da especialista en psiquiatría, "o que está a provocar un tremendo prexuízo ás e aos doentes, xa que neste momento hai máis de 400 persoas sen citar por este motivo".

A isto súmase que a non cobertura de cardioloxía e neuroloxía ocasiona que a día de hoxe non ingresen no hospital pacientes destas especialidades, que son derivados/as ao hospital de Lugo co que este traslado implica para as súas familias.

"Estas son só algunhas das cuestións que levamos denunciando moito tempo", sinala a representación da CIG, quen alerta tamén da demora que hai na lista de espera para a realización de TAC, que xa está nun ano para citas normais e en tres meses para vías rápidas, "cando o normal é resolver estes casos nunha semana".

Por iso, propuxeron á dirección que non se cese o radiólogo que agora está en situación de interinidade e que será despedido coa chegada do profesional de traslado. "Pedimos que non cesen o radiólogo interino, senón que se contrate polas tardes para sacar adiante a lista de espera dos TAC. Pero a resposta da dirección foi negativa, para non variar", critican. Dáse a circunstancia ademais, de que o xefe de servizo está prorrogando e poderíase xubilar en calquera momento "co cal quedariamos cun radiólogo menos".

Necesidade de máis persoal

Neste senso, Vicente Vázquez, delegado da CIG lembra que a directora do hospital dixo, cando chegou ao cargo, que ía solicitar un aumento de persoal, recoñecendo que o cadro de traballadores e traballadoras está infradotado. "Hai tres semanas que dende a CIG lle pedimos que nos facilitara unha lista do persoal solicitado, e aínda estamos á espera. Señora directora, déixese de inauguracións e faga o seu traballo, consiga especialistas para o hospital, non deixe marchar a máis profesionais e solicite o aumento de persoal que tanto necesita este hospital".

En canto ás declaracións do conselleiro de Sanidade durante a inauguración do remate das obras do hospital de día, a CIG-Saúde de Monforte valora que se fagan habitacións individuais nas plantas, mais "sempre e cando iso non supoña un recorte no número de camas que temos actualmente. Sese fan 3 habitacións individuais por planta, pasaríamos a ter 15 camas menos no noso hospital. Así que habitacións individuais si, pero que non disminúa o número de camas".