Máis de 6.000 persoas claman polo mantemento da área sanitaria da Mariña e contra a Lei de Saúde do PP

Histórica manifestación en Burela en defensa dunha sanidade pública próxima e de calidade
Burela - 02 Mar 2018

Un berro claro e unánime percorreu as rúas de Burela na tarde deste xoves: queremos unha sanidade pública próxima, de calidade e con recursos, queremos ser unha área sanitaria con capacidade de decisión, e non queremos esta Lei de Saúde do PP. Esta foi a mensaxe que lle trasladaron á Xunta de Galiza as máis de 6.000 persoas que, a pesar da intensa choiva e o frío, acudiron á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña -da que a CIG fai parte-.

A marcha arrincaba por volta das 20 horas do Hospital da Costa para rematar diante da Casa do Concello de Burela, onde se procedeu á lectura dun manifesto que alerta: "a día de hoxe, a sanidade da Mariña está en estado crítico, ingresada na UCI". A histórica manifestación deste xoves  vén sumarse á multitude de mobilizacións que os veciños e veciñas da comarca están realizando dende que o pasado mes de agosto a Xunta do PP anunciara a modificación da Lei de Saúde de Galiza que, entre outras cuestións, supón a supresión da área sanitaria da Mariña e afonda no proceso de desmantelamento e privatización da sanidade pública.

Así, advertiuse que, de aplicarse á reforma da lei, a área sanitaria da Mariña "morrerá e pasaremos a ser pacientes de Lugo". Isto implica que se até agora "nos daban a escoller operarnos con inmediatez nas privadas de Lugo ou esperar para operarnos no noso hospital, cando pasemos a ser pacientes de Lugo, obrigarannos a ir ás privadas da cidade e non poderemos rexeitalo, xa que, de facelo, perderemos o dereito á asistencia sanitaria".

Listas de agarda que sobrepasan os tempos máximos

Dende a Plataforma puxéronse en evidencia todas as falsidades publicitadas pola Xerencia e o Sergas, nomeadamente a respecto dos tempos de agarda, que sobrepasan con moito os tempos máximos que permite a lei de garantías. De feito, sinálase no manifesto, documentouse unha primeira cita para dermatoloxía cunha agarda de 7 meses, "cando os datos oficiais cífranse en 38,7 días".

Tamén se rexistran casos de probas de esforzo pendentes que levan preto dun ano de espera, con doentes que nin sequera teñen cita, ou ecocardiogramas con agarda de máis dun ano. E mentres a "Xerencia cifra en 15 os días de agarda para estudos cardiolóxicos".  No caso das listas para cirurxía, dende a administración sanitaria asegúrase que é de 45 días de media, mais estes "son uns datos falseados, porque cando deciden que unha persoa ten que facer unha intervención pasa a formar parte das listas de agarda non estruturais ou listas B, que van a un caixón sen computar".

Xunto a isto, denuncian que os marcapasos continúan derivándose a Lugo, ao igual que gran parte das intervencións de traumatoloxía como xeonllos, xoanetes e próteses de cadeira; segue sen existir persoal de enfermería da consulta de educación sanitaria para pacientes oncolóxicos e  familiares (sendo o Hospital da Costa o único da rede Sergas que carece deste servizo).  

Desmantelamento da Atención Primaria

Se a situación do Hospital é precaria, a Atención Primaria -porta de entrada ao sistema sanitario- está a sufrir "un desmantelamento a velocidades de vertixe", con peche de consultas "porque non se substitúen as/os profesionais, constatándose até 12 días de espera para unha cita nunha consulta nos centros de saúde".

Dende a Plataforma poñen o exemplo das consultas de Pediatría en Atención Primaria "absolutamente desbordadas", citando casos como o do centro de saúde de Viveiro, onde dous pediatras atenden as crianzas deste concello, de Ourol e O Vicedo, "e cando falta algunha das persoas profesionais non se cubre ou faise parcialmente, aumentando a presión asistencial até límites inadmisíbel".

En Foz unha pediatra, cunha redución de xornada sen cubrir, atende crianzas dos concellos de Foz, Valadouro e Alfoz, estes dous últimos cun total de 300 nenos e nenas. A pediatra de Barreiros é compartida con Mondoñedo e Lourenzá, indo a Barreiros dúas horas, tres días á semana. "É dicir, nin sequera unha xornada laboral á semana".

A Mariña "non se resigna"

Pero na Mariña "non nos rendemos nin nos resignamos" e por iso xa adiantaron que se vai continuar coas mobilizacións dos mércores no Hospital da Costa e os centros de saúde e se convocarán todas cantas accións sexan precisas para paralizar a reforma da Lei de Saúde do PP, que se manteña a área sanitaria da Mariña e que se dote de recursos humanos e materiais á sanidade pública da comarca.