Medra o desemprego en Galiza sen máis plan de recuperación que os frustrados fastos do Xacobeo

En decembro de 2020 houbo 24.279 parados/as máis que en decembro de 2019

Nacional -

O desemprego medrou novamente en Galiza no mes de decembro -algo que non ocorría desde 2011, xa que se trata dun mes tradicionalmente positivo para a creación emprego- até acadar as 189.587 persoas desempregadas, 2.115 máis que no mes de novembro (+1,13%), pero 24.279 máis que en decembro de 2019 (un 14,69% máis). O incrementou afectou a todas as provincias e todos os sectores, mais a situación é ben máis grave xa que, nestes datos, non figuran as traballadoras e traballadores que están afectados por ERTES.

A situación é para o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, “alarmante”, máis cando “desde a Xunta de Galiza non se está deseñando ningún plan de recuperación económica e segue enfiándose o futuro do noso país aos xa frustrados fastos do Xacobeo”.

Lembra que desde a CIG se viña advertindo que “non se pode facer depender o futuro económico de Galiza a un evento puntual, que só favorece o sector Servizos, onde a temporalidade e os baixos salarios están á orde do día, mentres se esquecen o resto dos sectores produtivos”.

Denuncia o abandono do sector industrial, para o que o PP, á fronte do goberno da Xunta de Galiza, deseñou a famosa Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, máis coñecida como “Lei de Depredación”, que impoñía un modelo industrial colonial no noso país e que “foi tal fracaso que agora lle queren dar unha volta de porca empeorando máis a situación cunha nova lei, mal chamada de recuperación, aínda máis agresiva a todos os niveis para o noso país ”.

Por iso demanda que se atenda ás propostas que a CIG vén facendo para unha saída galega e xusta da crise e conseguir “unha verdadeira reactivación económica que favoreza os sectores produtivos e sentar as bases para a necesaria recuperación, despois desta dura crise sanitaria que chegou cando aínda non sairamos da anterior”. Un recuperación económica que, apunta, “non se asente unicamente sobre o sector Servizos, onde o emprego é volátil e precario,  para que se poida crear riqueza e emprego digno en Galiza”.

Nesa liña o secretario confederal de Emprego da CIG aposta por un Plan de Recuperación “serio que permita captar fondos europeos e manter, potenciar e crear novo tecido produtivo, tendo en conta as nosas capacidades de país”.

Un Plan no que entende que “deben participar todas as organizacións sociais, incluída a CIG, sen que se furte o debate dos organismos tripartitos e institucións existentes, suplíndoos polas mesas de diálogo social”.

Graves e preocupantes datos

A situación da clase traballadora en Galiza é grave. Non só polo número de persoas desempregadas, senón tamén pola cantidade de persoas que seguen afectadas por ERTES e cuxo futuro é máis que incerto. Traballadoras e traballadores que a esta altura están, na maior parte dos casos, na absoluta precariedade, o que sitúa a Galiza en niveis de pobreza insostíbeis.

O desemprego aumentou en todas as provincias, pero con respecto do mes de novembro onde se deu o incremento máis grande, en termos absolutos, foi na de Pontevedra, con 1.571 persoas desempregadas máis (un incremento do 2,20%).

Porén, respecto de decembro de 2019, aínda que tamén subiu en todas, onde se deu o maior incremento, en termos absolutos, foi na da Coruña con 10.567 persoas desempregadas máis, aínda que en termos relativos foi en Lugo.

PROVINCIA

TOTAL

VARIACION MENSUAL

VARIACIÓN ANUAL

ABSOLUTA

RELATIVA

ABSOLUTA

A CORUÑA

76.311

248

0,33

10.564

LUGO

18.928

142

0,76

2.730

OURENSE

21.218

154

0,73

2.859

PONTEVEDRA

73.130

1.571

2,20

8.126

GALIZA

189.587

2.115

1,13

24.279

* Fonte: Datos dos rexistros do Servizo Público de Emprego Estatal

Por sexos, como sempre, hai máis mulleres desempregadas 107.238, que homes 82.349

Por sectores o desemprego medrou en todos, encabezado polo de Construción (+885); Servizos (+783); Industria (+772) e Agricultura (+331)

Contratos e temporalidade

A pesar de se incrementar o número de persoas desempregadas asináronse no mes de decembro un total de 57.472 contratos, un 6,26% menos que no mes de novembro. O número de contratos asinados descendeu ademais con respecto ao mes de decembro de 2019 en 20.326, un 26,13% menos.

Do total de contratos asinados só 5.163 foron indefinidos e o 91%, un total de 52.309 foron temporais. A maioría asináronse no sector Servizos, 42.574; seguido de Industria, 11.212; fronte os 1.861 na Construción e 1.825 en Agricultura.

Diante disto, a CIG exixe pór en marcha medidas para unha saída galega xusta da crise e xa adianta que continuará mobilizándose e actuando a todos os niveis fronte a demostrada incompetencia dos gobernos.

Volver