Miles de persoas traballadoras da sanidade pública reclaman un “Estatuto Marco para avanzar” que poña en valor a profesionais e doentes
Miles de persoas traballadoras do Sistema Nacional de Saúde (SNS) manifestáronse hoxe, en centros sanitarios das diferentes comunidades autónomas, para reclamar ao Ministerio de Sanidade que non peche a negociación da Lei que establece as súas condicións laborais e acorde un “Estatuto para avanzar” que beneficie a todo o persoal da sanidade pública e aos seus pacientes.
Convocados polas organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (SATSE -FSES, FSS-CCOO, UGT, CSIF e CIG-Saúde), traballadores de todas as categorías alzaron a súa voz en defensa dos seus dereitos e demandaron que a nova Lei do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde contemple todos os cambios necesarios para acabar con “anos de recortes, precariedade e discriminación”.
Os sindicatos convocantes denunciaron que o Ministerio de Sanidade elaborou unha Lei “incompleta, parcial e interesada” que non dá resposta a todas as necesidades do conxunto do persoal da sanidade pública. Tamén criticaron que o departamento de Mónica García rompeu, de maneira unilateral, o calendario pactado de reunións para seguir avanzado na mellora desta norma. “Agora quere, a présa e pola porta de atrás”, levar ao Congreso dos Deputados por interese de oportunidade política unha lei insuficiente”, apuntan.
Melloras pendentes
Nas concentracións subliñáronse que aínda quedan asuntos moi importantes que acordar para mellorar as condicións laborais do persoal estatutario, e que, desde o inicio das negociacións, fai xa preto de tres anos, fóronse reclamando por parte das organizacións sindicais ao longo das preto de 40 reunións mantidas cos responsables do Ministerio de Sanidade
Trátase de que a lei do EM contemple o recoñecemento retributivo que corresponde ao novo modelo de clasificación profesional, e que recoñeza a responsabilidade e o nivel formativo que hoxe se esixe a cada categoría do persoal da sanidade, ademais da posibilidade de acceder á xubilación voluntaria, xa sexa anticipada ou parcial. Tamén defenden a implantación de xornada laboral das 35 horas en todas as comunidades autónomas, sen excepción, e o recoñecemento do solape de xornada, entre outras.
Melloras todas que poden contemplarse na Lei do EM e, posteriormente, aplicalas coa participación doutros ministerios e o desenvolvemento ou modificación das lexislacións que sexan necesarias, subliñaron os manifestantes, que insistiron en que Sanidade quere “botar balóns fóra”, aludindo a unha suposta falta de competencias, e por tanto derivando a outros ministerios. “O Ministerio de Sanidade non é unha ‘illa’, forma parte dun Goberno que o pode e ten que facer”, afirmaron.
Lei “chave”
Nas concentracións reiterouse a necesidade e plena disposición dos sindicatos para seguir negociando para lograr “a mellor lei posible”, tendo en conta que é a norma “chave” para garantir unha asistencia sanitaria de calidade que satisfaga as necesidades presentes e futuras das persoas que acoden ao sistema sanitario público.
As concentracións realizadas en todas as autonomías, excepto Murcia, que terá lugar o 17 de setembro, supoñen o inicio dunha fase intensa e conxunta de mobilizacións por parte das organizacións presentes na mesa de negociación. O próximo 1 de outubro, traballadores de todo o Estado volverán protestar e reclamar os seus dereitos fronte á sede do Ministerio de Sanidade, en Madrid.