Miles de profesionais da sanidade reclaman un Estatuto Marco que mellore as súas condicións laborais

Mobilizáronse diante do Ministerio en Madrid para exixir que non peche “dunha portada” a negociación
Nacional - 01 Out 2025

Arredor de 10.000 profesionais da sanidade pública  manifestáronse este mércores en Madrid, fronte ao Ministerio de Sanidade, para reclamarlle a Mónica García que non peche “dunha portada” a negociación e busque o acordo que permita aprobar un novo Estatuto Marco que mellore as súas condicións de traballo e a atención que prestan ás persoas.

Convocadas polas organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (SATSE-FSES, FSS-CCOO, UXT, CSIF e CIG-Saúde) e procedentes de todas as autonomías, as traballadoras e os traballadores das distintas categorías profesionais do Sistema Nacional de Saúde (SNS) portaron faixas e corearon lemas co único obxectivo de lograr un “Estatuto para avanzar” nos seus dereitos laborais.

A manifestación produciuse unha vez que o Ministerio de Sanidade decidiu, de maneira unilateral, precipitar o peche da negociación que mantén desde hai tres anos cos sindicatos e teimar en iniciar xa a tramitación da Lei do Estatuto Marco, cando aínda hai asuntos moi importantes que non contempla. Tales como a nova clasificación profesional, coa negociación dunhas novas retribucións básicas acordes ao nivel de cualificación e responsabilidade que asume cada grupo profesional, unha xornada laboral ordinaria de 35 horas semanais que debe levar aparellada medidas de mellora das xornadas de garda e a quendas que se realizan para garantir a continuidade asistencial e, por último, a regulación do dereito ao acceso voluntario á xubilación anticipada e parcial.

Do mesmo xeito que nas concentracións realizadas diante dos centros sanitarios do pasado 16 de setembro, as e os profesionais da Sanidade pública mostraron o seu malestar porque, “despois de sufrir durante moitos anos as consecuencias dun Estatuto Marco desfasado e que mostra as súas carencias a diario, agora ven que o novo texto non dá resposta a importantes demandas e necesidades que se expuxeron durante a negociación”.

Precariedade

O novo Estatuto Marco, tal e como está redactado até a data, manterá a precariedade laboral que sofre o persoal do SNS en aspectos como a súa xornada laboral ou o seu recoñecemento retributivo, entre outros, o que terá claras consecuencias na atención e coidados que se prestan no sistema sanitario. “Un mal Estatuto Marco prexudícanos a todos e todas, profesionais, pacientes e ao funcionamento do sistema no seu conxunto”, resaltan.

Os manifestantes subliñan a responsabilidade do Ministerio de Sanidade, pero tamén das Comunidades Autónomas, que son as administracións competentes para levar á práctica o que estabeleza a Lei do Estatuto Marco. Respecto diso, insisten en que non poden recortar os dereitos recolleitos na Lei, “senón achegar propostas construtivas que o melloren e faciliten a súa aplicación en todo o Estado”.

Prexudicial e mesquiña

Desde os sindicatos tamén se reitera a necesidade de seguir traballando no Estatuto Marco, no marco do Ámbito de Negociación, para evitar que o Goberno aprobe “en solitario” unha Lei “prexudicial, mesquiña e inxusta”. Segundo afirman, “a ministra fala continuamente de que busca o diálogo e o acordo, pero o que logrou, até a data, é ter na súa contra a todo o persoal do SNS”.

No transcurso da manifestación, as persoas responsábeis dos sindicatos convocantes leron un manifesto en defensa dos dereitos laborais de todos os traballadores e as traballadoras, e insistiron en que o Ministerio de Sanidade non pode seguir escudándose en que non pode incluír determinadas demandas no Estatuto porque non ten competencias. 

Respecto diso, as organizacións sindicais xa se dirixiron tamén aos ministerios de Función Pública, Facenda, Traballo e Seguridade Social, reclamando a todos, incluído Sanidade, unha “acción de goberno conxunta e coordinada” en lugar de “escusas e medias verdades”.

A multitudinaria manifestación celebrada hoxe forma parte dunha estratexia conxunta de presión e mobilización que se manterá nos próximos meses sen descartar a posible convocatoria dunha folga xeral na sanidade pública, se o Goberno non atende as demandas do persoal estatutario.