Milleiros de galegos e galegas fan historia cunha foliada multitudinaria para homenaxear ás cantareiras da nosa lingua

“Non nos resignamos á expulsión do galego de todos os ámbitos da vida social”, di Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego
Nacional - 17 Mai 2025

As galegas e galegos fixeron finalmente historia coa súa masiva participación na manifestación e foliada deste 17 de maio, Día das Letras Galegas. A reivindicación e a festa déronse a man nunha xornada inesquecíbel na que as pandeiretas substituíron os megáfonos e a arte das cantareiras tomou unha abarrotada Praza da Obradoiro. Foi Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, quen trasladou as denuncias e demandas dos milleiros de persoas congregadas para celebrar a Lingua Vital e reclamar medidas para a súa supervivencia.

Maceira proclamou a necesidade urxente de reverter a "emerxencia lingüística" que sofre o galego. Nun discurso cargado de forza e convicción, denunciou a "belixerancia" da Xunta e do PP contra o idioma, así como as políticas que buscan "borrar" a lingua galega de todos os ámbitos da vida social.

O voceiro de Queremos Galego criticou duramente as medidas do goberno de Alfonso Rueda, como o mantemento do decreto que limita o uso do galego no ensino, a nova lei que ameaza a emisión exclusiva en galego da TVG, ou a exclusión do idioma en sectores como a xustiza, a sanidade, a intelixencia artificial e mesmo os campamentos de verán. "O galego está vivo a pesar de vostede", afirmou dirixíndose a Rueda, destacando que a supervivencia da lingua é froito da resistencia do pobo galego, que "se organiza e lle dá o oxíxeno que lle negan".

Xunto a isto acusou á Xunta de culpar as familias e as persoas inmigrantes pola situación da lingua, mentres o modelo educativo actual provoca que o 70% das crianzas que falan galego ao chegar á escola acaben falando castelán, e que unha de cada tres persoas que rematan o ensino obrigatorio recoñeza non saber falalo. "As nenas e nenos galegos non teñen nin xoguetes que falen o seu idioma", lamentou.

A mobilización como motor de cambio

Maceira celebrou a mobilización social como o motor para cambiar o rumbo do idioma. “Quérenos calados e inmóbiles” dixo, pero “non conseguiron paralizarnos”.  E afirmou que, lonxe diso, a emerxencia lingüística “activou ao pobo galego”, aínda que considerou que “para a normalización do uso de calquera lingua, tamén da nosa, non abonda a demanda social se non for acompañada da acción decidida dos poderes públicos”.

Denunciou, por iso, que a Xunta “non quere estar aquí, no verdadeiro pacto pola lingua” e reclamou do PP que “cumpra o seu deber e abandone a belixerancia contra Galiza e o galego” e que se cumpran e concreten tamén todos os acordos nacionais e internacionais a favor do noso idioma.

O portavoz de Queremos Galego apuntou como obxectivo “galego en todo e para todo, sen escusas, sen límites e sen impedimentos de ningún tipo”. E concluíu considerando este 17 de maio “histórico e decisivo” porque “os nosos netos e as nosas netas poderán dicir con orgullo que viven en galego porque os seus pais e nais, avós e avoas defenderon o idioma que é seu e fixeron todo o posíbel e imposíbel por restituílo e derrotar o programas de destrución”.

Marcos Maceira rematou sinalando que “este é o rumbo que como pobo galego queremos tomar para asegurar a nosa existencia digna e un futuro que só é posíbel cunha lingua viva e vital”.