Milleiros de persoas demandan máis persoal e recursos para garantir a calidade asistencial nos hospitais da Coruña

A Comisión de Centro denuncia a sobrecarga de traballo e a precariedade laboral
A Coruña - 20 Xan 2022

Milleiros de persoas manifestáronse na tarde deste xoves polas rúas para esixir un incremento de persoal nas diferentes categorías que permita afrontar a carga de traballo e garantir a adecuada atención sanitaria no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, condicións laborais dignas para as traballadoras e traballadores e que se cubran todas as ausencias. A mobilización, baixo o lema “sen persoal non hai sanidade”, foi convocada pola Comisión de Centro do CHUAC ante a situación límite que sofren boa parte dos servizos e a desorganización e mala xestión da Xerencia coa merma que isto significa na calidade asistencial que se presta.

A manifestación saíu de diante da Casa do Mar e percorreu Linares Rivas e os Cantóns para rematar na praza do Obelisco, onde a actriz Isabel Risco procedeu á lectura dun manifesto no que se denunciou as "situación insostíbel" no CHUAC tanto pola sobrecarga de traballo e o deterioro das condicións que padecen as e os profesionais, como polas consecuencias que as políticas aplicadas pola Xunta do PP de precarización laboral e desmantelamento do sanidade pública teñen na asistencia que se presta as e os doentes.

A este respecto, tamén se denunciou a situación que padecen "as compañeiras e compañeiros da Atención Primaria, que xa viñan sufrindo unha sobrecarga asistencial dende hai anos". A pandemia agravou este deterioro, pero a día de hoxe, no primeiro chanzo da sanidade pública, "tampouco contaron nin contan co persoal necesario para poder atender a demanda crecente da poboación".

Déficit histórico de profesionais no CHUAC

A presidenta da Comisión de Centro, Lucía Peón Soutiño (CIG), lembra que o órgano de representación levan anos denunciando que os hospitais que conforman o CHUAC (Hospital Universitario da Coruña, Hospital Abente y Lago, Hospital Teresa Herrera e Hospital de Oza) teñen un déficit histórico de persoal na relación do número de profesionais por pacientes.

Unha falta de medios que a pandemia afondou “até o punto xerar unha sobrecarga de traballo que semella inasumíbel para as e os profesionais”, mais á que a Xerencia non pon solución baixo a escusa de que non hai persoal nas listas de contratación, "cando na realidade tampouco existe unha organización dos recursos existentes que permita paliar isto".

A isto engádeselle a teima da Xunta na súa política de "maltrato laboral" e o persoal temporal, lonxe de lle mellorar a súa estabilidade, "continúa nunha situación de precariedade absoluta, soportando contratos fraccionados e con chamadas dun día para outro, o que non permite conciliar, nin sequera descansar".

Esta política laboral, advirte Peón Soutiño, ten como consecuencia directa o baleirado das listas de contratación, ao fomentar a fuxida das e dos profesionais na procura de mellores condicións e dunha estabilidade que o SERGAS non lle ofrece.

Persoal "farto e esgotado"

Na manifestación deste xoves, deixouse en evidencia que o persoal do CHUAC "está farto e esgotado",  despois do enorme esforzo realizado durante a pandemia, "renunciando as libranzas, dobrando quendas e traballando en condicións adversas para poder atender as e os pacientes da área sanitaria. As e os profesionais antepuxeron a atención sanitaria á conciliación da vida súa familiar e laboral".

Por iso, reclamaron "respecto" polas distintas profesións do CHUAC que conforman a asistencia sanitaria. E este respecto se demostre "con condicións de traballo dignas que preserven a saúde das/os profesionais e garantan unha asistencia pública e de calidade".

Neste senso, a Comisión de Centro do CHUAC incidiu na saturación permanente dos servizos de Urxencias do Hospital da Coruña, nos que o amoreamento de doentes nos corredores á espera dunha cama de hospitalización, está “normalizado” pola Xerencia; ou na sobrecarga de traballo e na falta de persoal na unidade de críticos ou en cirurxía.

Aínda que, alertaron, todas as unidades de hospitalización do Complexo (Abente e Lago, Materno-Infantil, Oza e HUAC), así como os servizos centrais (laboratorio, farmacia, raios, lavandería, cociña etc) "sofren esta situación de colapso permanente, desorganización e sobrecarga continuada".

"A hora dos aplausos xa rematou, agora necesitamos unhas condicións dignas de traballo. Urxe un incremento de persoal. Urxe unha planificación dos descansos e urxe unha aposta pola snaidade pública e polos seus e as súas profesionais", concluíron.