MANIFESTO DA CONVOCATORIA
Galiza con Palestina
Resistencia, liberdade e paz
Compañeiras e compañeiros
Xuntámonos nesta praza, de novo, arredor da causa da Palestina. A causa dun pobo sometido a un lento xenocido desde hai máis de case oito décadas, a un xenocidio rápido desde hai máis tres anos e a unha paz de mentira desde hai un. Unha causa que hoxe continúa a ser a máis urxente e maior das causas da humanidade.
A limpeza étnica que o imperialismo e o sionismo practican contra o pobo palestino, en Gaza e en Cisxordania, na cidade ocupada de Xerusalén, deixou xa máis de 73 mil persoas asasinadas, máis de 170 mil feridas, moitas delas con discapacidades permanentes, moitas delas crianzas, mortas a mans de Israel ou deixadas órfas. A situación na Faixa de Gaza é o resultado combinado dun crime de guerra tras outro, dos masacres, de ataques directos contra a poboación civil, pero tamén o resultado dun bloqueo e restricións que non cesan, dunha fame que ninguén sacia, da ausencia dramática de atención médica e da falta das mínimas condicións de vida. Isto é o xenocidio que Israel e os seus aliados impuxeron sobre o pobo irmán da Palestina, con máis saña desde outubro de 2023, pero que xa viñan executando de maneira planificada desde a invención do seu estado colonial e de supremacía étcnica a mediados do século pasado.
Hai un ano, os Estados Unidos mudaron o paso. Diante da mobilización permanente de pobos enteiros, diante das evidencias dos crimes do sionismo, que lentamente estaban a producir movementos de condena en Estados e institucións internacionais, forzaron a sinatura dun plano de paz que nin procuraba a paz nin tiña nada de planificado. Este ano da paz que nos venderon non detivo os bombardeos, non deixou que entrase a axuda a humanitaria, non serviu para iniciar a reconstrución de Gaza. Para o que si serviu foi para que a comunicación social movese o foco definitivamente, para que se deixase de falar dos crimes do imperialismo e do sionismo, e para que, baixo esta nova cobertura de silencio, o estado criminal de Israel continue a súa expansión, o asasinato político, a caza ao palestino e á palestina, o roubo de terras ou os asentamentos ilegais. As forzas ocupantes non se retiraron de Gaza. Ao contrario, expandíronse polas áreas da Cisxordania a base de violencia extrema practicada por colonos que o propio Estado de Israel arma, usados como avanzada dun exército que depois aparece para secuestrar a poboación civil e deixar casas e terras vacías, inmediatamente ocupadas por colonos occidentais invocando a súa supremacía e asegurando teren dereitos divinos sobre elas.
Esta violencia sistemática e o sofrimento dos nosos irmáns e irmás da Palestina tráennos de novo a esta praza, porque sabemos, e reivindicamos, que os culpábeis non están só en Israel nin só nos Estados Unidos. Están tamén aquí, no noso país, cun goberno galego que continúa cego e mudo, empeñado en que a Galiza non teña nada a dicir do que pasa no mundo; nun Estado español cuxo goberno xogou o xogo das aparencias e dos anuncios efectistas, pero que continúa a comprar armas aos xenocidas e a normalizar a súa existencia; e nunha Unión Europea que corre a sancionar quen é incómodo para os intereses do imperialismo mais que aínda non atopou o momento para facer nada con impacto real sobre quen perpetra un xenocidio. Hai 3 anos que denunciamos esta complicidade e este silencio, a vergoña de quen nos goberna e o intento de calarnos. Non esquecemos a negativa dos medios públicos do noso país a informar das constantes convocatorias da solidariedade galega; non esquecemos os intentos de criminalizar compañeiras e compañeiros que se mobilizaron contra a normalización de Israel a través do deporte e da cultura; non esquecemos a persecución de militantes antiimperialistas comprando o discurso sionista de que calquera crítica ao terrorismo de Israel é delito de odio. E non! Claro que temos dereito a odiar quen asasina os nosos irmáns e irmás. Claro que temos dereito a odiar o supremacismo, a limpeza étnica, e os crimes contra a humanidade. Ser antisionista non é un delito. É un mínimo democrático. É un mínimo humano.
Ser antisionista en apoio á Palestina é o mesmo que ser antiimperialista no resto de lugares do mundo. Tampouco esquecemos o hostigamento dos Estados Unidos e da Unión Europea aos pobos do Líbano, do Iémen, do Irán e da Siria, solidarios coa Palestina e tamén en loita pola súa soberanía e por terminar coas inxerencias imperialistas sobre os seus asuntos e as súas políticas. E non esquecemos que o imperialismo é o inimigo global, que estende os seus tentáculos da Palestina a Cuba, do mar da China ao Sahel ou da Groenlandia ao estreito de Ormuz. Canto máis debilitado se encontra, máis perigoso é e máis violento se torna.
Frente a isto, nós, o pobo galego, levamos anos a mobilizarnos pola paz e a vida digna na Palestina, polo dereito dos pobos á autodeterminación, por unha paz real e sen tutelas. Hoxe, nesta praza, o internacionalismo galego:
- Denunciamos que, malia o anuncio dun Plan de Paz en outubro de 2025, os ataques de Israel contra a poboación civil de Gaza non cesaron: segundo Nacións Unidas, máis de 1.300 persoas palestinas foron asasinadas e máis de 4.400 feridas desde a entrada en vigor do acordo. Denunciamos igualmente a intensificación da violencia colona e as expulsións forzadas na Cisxordania ocupada.
- Exiximos un alto o fogo real: cesamento total dos ataques, abertura plena e permanente de todos os pasos fronteirizos, fin do bloqueo e entrada masiva e sen trabas de axuda humanitaria, auga, combustíbel e material sanitario e educativo.
- Exiximos unha investigación exhaustiva e independente do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel, en liña coas conclusións da Comisión de Investigación da ONU, que en 2025 xa cualificou os feitos como xenocidio, e apoiamos sen reservas o proceso aberto ante a Corte Internacional de Xustiza.
- Condenamos a complicidade da Unión Europea e dos seus estados membros cos intereses do sionismo. Malia as declaracións públicas e os anuncios de "plans de paz" impulsados por terceiros Estados, a UE mantén practicamente inalteradas as súas relacións comerciais e diplomáticas coa entidade sionista.
- Exiximos da Unión Europea a suspensión inmediata e efectiva do Acordo de Asociación e de todas as relacións preferentes con Israel, mentres non cesen as violacións do dereito internacional.
- Denunciamos o incremento do gasto militar e os plans para favorecer a chamada “economía de guerra”, que implica o desvío de fondos sociais para armamento e en última instancia só serve para nos empobrecer.
- Exiximos do Estado español que, alén de conferencias internacionais e palabras de recoñecemento formal do Estado, faga efectiva a ruptura das relacións comerciais e militares coa entidade xenocida —incluída a venda e tránsito de armamento— e que impulse activamente medidas de rendición de contas a nivel internacional.
- Exiximos o fin da lei mordaza e das medidas de represión do Estado español contra a solidariedade e a defensa dos dereitos humanos. A denuncia dos crimes do sionismo e do xenocidio do pobo palestino non é antisemitismo!
- Exiximos da Xunta de Galiza que deixe de se pór de perfil e tome postura clara na defensa da legalidade internacional, cancelando calquera relación institucional, comercial ou de cooperación que manteña, directa ou indirectamente, con entidades cómplices da ocupación.
- Exiximos a aplicación plena do dereito internacional, en particular o dereito de autodeterminación do pobo palestino en toda a Palestina, do río Xordán ao mar Mediterráneo, e o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas. Urxe impedir que o falso cesar-fogo sirva para perpetuar o bloqueo e a fragmentación territorial, permitir novos planos de desprazamento demográfico, e que Israel continúe a roubar terras, colonizar a Cisxordania e manter estruturas de apartheid sobre todo un pobo.
Resistencia, liberdade e Paz para Palestina!
Galiza con Palestina!
Palestina libre do río ao mar!
Organizacións que apoian a mobilizacións:
A Gentalha do Pichel / A Pedreira / Árgoma Cultural / Asociación A Trastenda / Asociación Abeiro pola Protección Animal / Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA / Anticapitalistas Galiza / Asemblea Antiimperialista de Compostela / Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega / Asociación Cultural Pedra / Asociación Cultural Vagalumes / Associaçom Cultural Artábria / Associaçom José Afonso – Galiza / Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa Agra / Bamad Galicia / Bloque Nacionalista Galego – BNG / Breizh Galiza / Colectivo de apoio a Palestina da Costa da Morte / Colectivo Feminista Deza-Tabeirós / Comadres das Letras / Comité Antifascista da Lourinha / Comité Anti-OTAN de Compostela / Comité Anti-OTAN de Lugo / Comunismo Revolucionário Galego / Confederación Intersindical Galega (CIG) / Coordenadora Antifascista do Bierzo / Culturactiva / Erguer. Estudantes da Galiza / Escolas de Ensino Galego Semente / Federación Galiza Cultura / Federación Rural Galega – FRUGA / Ferrol con Palestina / Foro Galego de Inmigración / Fundación Galiza Sempre / Galiza Nova / Galiza por Palestina / Galiza Global Sumud / Intifada Cultural Galiza / Isca! / Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista / Marcha Mundial das Mulleres / Mocidade Galega pola Memoria / Movemento Arredista / Mulheres Nacionalistas Galegas – MNG / Narración Oral Galega – NOGA / Pallas@s en Rebeldía / Partido Comunista pola República Galega – PCRG / Pavís Pavós / Pé de Millo / Plataforma Galiza pola Paz / Sanidade Galega con Palestina / Sección Xuvenil de ARELAS / SCD Condado / Teatro Akatro / Unión da Mocidade Galega – UMG / Unión do Povo Galego – UPG / Verdegaia / Vía Galega / Xarda Sociedade Cooperativa Galega