Milleiros de persoas reclaman para o galego “todos os espazos e todos os usos”
Defenden o Protocolo Lingua vital como garantía para o exercicio irrenunciábel dos dereitos lingüísticos
Milleiros de persoas chegadas de todos os recunchos de Galiza sumáronse ao chamado de Queremos Galego e das organizacións políticas, sindicais, profesionais, sociais e culturais que participaron na elaboración do Protocolo Lingua Vital. Mulleres, homes e crianzas que percorreron, neste Día das Letras Galegas, as rúas de Compostela para demostrar “a forza dun pobo que non se rende, que defende a súa lingua sen vergoña e coas súas propias mans”.
Así o proclamou, nunha ateigada Praza da Quintana, Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, no acto de remate da mobilización no que tamén interviñeron Celia Armas, Coordinadora de Queremos Galego, Natalia Jardón, de Axuntar, asociación para a normalización do galego en Asturias e Eva Fórneas, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza.
Maceira arrincou a súa intervención lembrando que cando quixeron dar o galego por morto “Rosalía reaxiu recuperándoo para Galiza e a literatura universal”, nun camiño que, afirmou, “Begoña Caamaño continuou, escribindo, falando e saíndo á rúa sempre que fixo falta con todas e todos nós”.
O portavoz de Queremos Galego salientou a “forza colectiva” de quen aquí seguimos “con toda a dignidade para virar o rumbo que teñen marcado para a nosa lingua”. Unha forza colectiva que obriga, logo de cada mobilización, a que se anuncie un novo plan para o galego.
Exclusión do galego
Así lembrou que desta volta “non é diferente. Seica terán para xuño o que hai un ano ían ter o pasado decembro” e denunciou a actuación do goberno de Rueda que, fronte a emerxencia lingüística, “só reforzou a exclusión do galego con medidas inéditas na historia autonómica, agochándose detrás dunhas supostas comisións para a revisión do PXNLG que nunca quixeron executar porque nada en máis de 20 anos nin nos 2 últimos impediu aplicar todas as súas medidas”.
Maceira afirmou ademais que a emerxencia lingüística “é o resultado das restricións ao galego no ensino, nos servizos públicos, na banca, no comercio, na cultura ou nos medios de comunicación” e de “infames modificacións legais” entre as que salientou o veto á oficialidade na UE e á presenza na UNESCO. Xunto a isto, e como exemplo da persecución contra a nosa lingua, puxo o que denominou como “pacto do tanatorio” de Lugo, onde o PP adoptou como primeira medida eliminar a área de promoción da Lingua no concello.
Maceira advertiu de que o Goberno galego “é incapaz de facer nada que non sexa manter os límites para o idioma de Galiza” e acusou a Xunta do PP de “incumprir co seu deber”, reclamando “feitos, medidas e accións concretas” fronte a “anuncios que nunca chegan e que só pretenden tapar a vergoña”.
Lingua vital
Neste sentido, defendeu que “a única alternativa posíbel, viábel e realista” é a que naceu “dun proceso amplo e participativo”, en referencia ao Protocolo Lingua Vital. “Se nos queren imitar, adiante. Este é o verdadeiro pacto polo idioma e non é de ninguén porque é de todas e todos os que queremos asegurar o futuro para Galiza e a súa lingua”, afirmou.
O portavoz de Queremos Galego salientou ademais que o movemento en defensa da lingua “non se limita a sinalar nin a denunciar agresións, incumprimentos e mentiras”, senón que “vai máis alá mediante a mobilización e a organización colectiva”. Así, reivindicou o traballo desenvolvido por centrais sindicais e asociacións veciñais, culturais, deportivas, profesionais, de persoas consumidoras, de ensinantes e de crentes para elaborar “un programa común de actuación” co obxectivo de colaborar entre elas e tamén coas institucións públicas “que teñan vontade”.
Maceira asegurou que “para defender a nosa lingua e a nosa existencia como pobo non precisamos permiso de ninguén” e denunciou a actitude de quen “renega dela amparándose na liberdade para excluíla, ocultala e desprezala”. Por iso, anunciou o compromiso de desenvolver “as case 300 accións recollidas no Protocolo Lingua Vital”, cun calendario e mecanismos de actuación e avaliación que garantan que “ninguén teña que volver renunciar ao uso do galego”.
Entre as medidas recollidas no documento citou a recuperación da toponimia legal e lexítima, a garantía de atención en galego nos servizos públicos, o fin da “prohibición do galego no ensino”, a presenza plena do idioma nas relacións comerciais e nos medios de comunicación ou a defensa da cultura galega en todos os ámbitos, desde a literatura até o audiovisual, a música e as artes escénicas.
Tamén reivindicou accións para garantir a presenza internacional do idioma, reclamando que “ningún goberno continúe a boicotear a oficialidade do galego na UE nin a participación directa na UNESCO”, así como avanzar na “oficialidade real en todos os territorios de lingua galega” e nas relacións coa lusofonía.
“Lingua Vital non é un anuncio. É o pacto social polo galego”, proclamou Maceira, quen concluíu cun chamamento á mobilización social e á unidade para “reverter a emerxencia lingüística”. “Non imos esperar por vostede”, afirmou dirixíndose ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes de rematar asegurando que “non van enterrar o idioma de todas e todos porque aquí estamos para impedilo”.