Milleiros de persoas reclaman en Compostela un galego vivo para termos unha Galiza viva

Queremos Galego denuncia importantes retrocesos no Plan de Normalización Lingüística aos 20 anos da súa aprobación
Nacional - 17 Mai 2024

Ao berro de "Galego vivo", milleiros de persoas manifestáronse neste 17 de Maio, Día das Letras Galegas, polas rúas de Compostela para reclamarlle aos gobernos, nomeadamente a Xunta de Galiza, que asuman as súas responsabilidades na defensa e promoción da lingua propia de Galiza e que acompañen a sociedade "que actúa e se mobiliza  día a día para termos o galego vivo".

A plataforma Queremos Galego (da que a CIG fai parte) escolleu o lema “un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva" para a manifestación deste ano, porque a piques de cumprirse o 20º aniversario do Plan Xeral de Normalización Lingüística "é necesario reclamar accións a favor do galego en todos os ámbitos, para reverter a actual situación de emerxencia lingüística".

"Para unha Galiza viva, activa e  consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo", aseverouse nunha ateigada Praza da Quintana durante o acto final conducido por Isa Risco, que contou coa actuación do grupo Dakidarría e ao que Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, lle puxo o broche final.

Maceiras salientou no seu discurso que "os pobos que aspiran a níveis altos de desenvolvemento social mantéñense e apóianse na normalidade da súa lingua para todos os usos e en todos os espazos, como necesidade que indica a fortaleza, autoestima e confianza en si propios". Maceira recordou, tamén, que "como tantas veces Luísa Villalta", a sociedade galega que onte se manifestou polas rúas de Compostela "non fica impasíbel perante o xenocidio ao que está a ser sometido o pobo de Palestina". "A loita por Galiza e polo galego tamén é a solidariedade coa loita do pobo Palestino", afirmou.

Vivir plenamente en galego

Previamente, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, xunto con representantes da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, da AS-PG, de Erguer, da Asociación de Actores e Actrices de Galiza; de Galiza Cultura, e da Mesa pola Normalización Lingüísticas foron as persoas encargadas de dar lectura a un manifesto no que se denunciou que nestes 20 anos, non nó non se desenvolveron as 400 accións e medidas concretas recollidas no Plan Xeral de Normalización da lingua, senón que incluso "sufriron importantes retrocesos".

Un futuro novo para o noso idioma é posíbel, resaltouse, mais precisamos dun ensino en galego que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador. A este respecto, Queremos Galego trasladou a “preocupación social” polo datos que alertan de que o 24% das mozas e mozos de Galiza se sentan incapaces de falar en galego, polo que un ano máis exixiuse a derrogación do Decreto 79/2010 por impoñer un “modelo desgaleguizador”.

Na mesma liña, reivindicouse un audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para crianzas de menos de 12 anos.

Tamén accións na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG "debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais". E un galego vivo tamén na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, respectando a toponimia galega -a única legalmente válida-, pero "que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico".