Milleiros de persoas reclaman poder vivir en galego “Aquí e agora”

A plataforma cidadá Queremos Galego denuncia a situación de emerxencia lingüística que “é reversíbel”
Nacional - 17 Mai 2023

Milleiros de persoas sumáronse as mobilizacións convocadas pola Plataforma cidadá Queremos Galego en todas as cidades, Foz e Monforte, para reclamar o seu dereito a vivir “en galego, aquí e agora”, denunciar a situación de emerxencia lingüística e exixir aos poder públicos a posta en marcha das medidas necesarias para fomentar o seu uso en todos os eidos das sociedade.

Ao remate das mobilizacións deuse lectura un manifesto que, de seguido, reproducimos:

MANIFESTO

40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela.

A actual situación de emerxencia lingüística é en grande parte consecuencia do desleixo dos poderes públicos, que abandonaron e desprezaron a crecente conciencia social sobre a lingua e a vontade de repoñela e normalizala. O mal chamado Decreto de plurilingüismo contribuíu decisivamente a que hoxe, por primeira vez na historia, un de cada catro menores de 15 anos declare ser incapaz de se expresar en galego.

Á exclusión do galego no ensino, agravada por una dixitalización educativa que engade a imposibilidade de uso do galego noutras sete materias ademais das tres nas que está prohibido, súmanse a imposibilidade de uso no lecer e no audiovisual, agás na presenza mínima que conquistou a acción da sociedade; o descenso na oferta positiva dentro da administración galega; as dificuldades, cando non a imposibilidade de uso na administración do Estado ou na xustiza; as trabas ás empresas que optan polo galego como indicativo de calidade e compromiso, ou a presenza limitada a certos espazos nos medios de comunicación.

A emerxencia lingüística é reversíbel co compromiso de todas e todas, comezando polas institucións que deben asumir as súas obrigas e acompañar unha sociedade cada vez máis activa na normalización da lingua galega. Sen galego en todo e para todo non é posíbel o seu uso nin a incorporación de novas persoas falantes. 

Neste 17 de maio reclamamos de todas as entidades locais que fagan visíbel o seu compromiso coa lingua galega, a que nos une e nos fai existir, non só con celebracións, senón garantindo aquí e agora a súa dispoñibilidade en todos os servizos de competencia municipal con xestión directa ou privatizada, reclamándoo á súa vez en todos os contratos con calquera tipo de fornecedor, e fomentándoo en todos os eidos da sociedade.