Mobilización en Compostela o 1 de febreiro por unha sanidade pública de calidade

A marcha sairá ás 12 horas da Alameda
Nacional - 30 Xan 2026

A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, chama á participación masiva na manifestación convocada para este domingo 1 de febreiro, que sairá ás 12 horas da Alameda de Compostela, baixo a consigna “mobilízate para defender o teu dereito á saúde”.

O colectivo social alerta que fronte á política de destrución e privatización do sistema sanitario público aplicada polo Goberno do PP na Xunta non queda outra alternativa máis que a mobilización “ou o sistema seguirá colapsado e en permanente destrución”.

Denuncian a falta de recursos humanos e orzamentarios, o colapso dos servizos de urxencias hospitalarias, a saturación dos hospitais, o desmantelamento dos hospitais comarcais, a derivación de miles de pacientes e cartos ás sanidade privada, as listas de agarda interminábeis e o “gravísimo problema de accesibilidade da poboación á Atención Primaria”, que é a entrada ao sistema sanitario público.

A media de espera para unha consulta no centro de saúde está no entorno torno aos 7-10 días, aínda que hai localidades nas que se eleva até os 20 días. Unha demora gravísima tendo en conta que “máis do 35% dos problemas de saúde se resolven na Atención Primaria”.

Á espera hospitalaria non se atopa en mellor situación con esperas longuísimas que non reflexan as cifras reais ao recorrer ao denominado “buzón”, “onde se acumulan as persoas doentes que están a esperar unha intervención e que non aparecen nas listas estruturais”.

Por iso, a Plataforma anima á participación multitudinaria na mobilización deste 1 de febreiro e a encher o Obradoiro para que a Xunta teña claro “que a poboación galega nunca vai baixar os brazos e non vai aceptar esta situación inaceptábel”; e para rexeitar a estratexia de desmantelamento e privatización do sistema público coa derivación de doentes a centros privados concertados “que están en mans case todos eles de multinacionais que viron en Galiza unha oportunidade de facer negocio”.