Mobilízanse no hospital Álvaro Cunqueiro para chamar a participar na manifestación nacional de SOS Sanidade

Durante a protesta denunciouse a situación de colapso na que se atopa a área sanitaria viguesa
Vigo - 23 Xan 2026

A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo desenvolveu esta mañá unha mobilización no interior do Hospital Álvaro Cunqueiro, “na ‘zona 0’ dos recortes sanitarios en Galiza”, para denunciar a situación de colapso que está a sufrir a sanidade pública da área sanitaria e facer un chamamento a participar na manifestación nacional do domingo 1 de febreiro en Santiago.

Coa protesta de hoxe quérese poñer de manifesto que os problemas que atravesa a atención sanitaria na comarca “non é só froito do desleixo, senón que é o síntoma principal das continuas políticas de recortes e privatización da que a nosa área semella ser banco de probas”. Unha problemática que é consecuencia das condicións nas que se fixo a licitación, a construción e a xestión do hospital. “A Plataforma e a cidadanía demos contestación ao cambio de proxecto denunciando publicamente e mesmo xudicializando ilegalidades detectadas na licitación deste centro”.

Posteriormente un informe do Consello de Contas confirmou as denuncias que se acumulan dende o cambio de modelo de hospital e cuestionou a legalidade de determinados aspectos da licitación, “polo que exiximos responsabilidades políticas”.

Dende a Plataforma lembran que o Álvaro Cunqueiro volveu ser noticia recentemente polo colapso no servizo de urxencias, “que evidenciou problemas non só en urxencias senón na falta de camas, existindo demoras de días para trasladar doentes a plantas”. Un problema recorrente que é consecuencia de:

  • Ter construído un hospital máis pequeno, que non cubre as necesidades da poboación da área sanitaria, para favorecer o negocio da sanidade privada.
  • Non ter reforzado a Atención Primaria, con déficit de persoal en todas as categorías e infraestruturas inaxeitadas; a consecuencia disto son as listas de agarda en Primaria que superan as tres semanas.
  • Uns servizos hospitalarios sen o cadro de persoal nin espazos suficientes para dar resposta ás necesidades da cidadanía. Unhas intolerables listas de agarda para consultas, probas complementarias, exploracións e intervencións cirúrxicas.
  • Unha carteira de servizos insuficientes para manter o negocio da sanidade privada.
  • A sobrecarga de profesionais de enfermería, insuficientes para dar resposta á cronicidade e á dependencia, con retraso no seguimento de patoloxías crónicas e dificultade para garantir unha atención de calidade a persoas dependentes.
  • Cunha parte da poboación da nosa área sanitaria sendo atendida en POVISA, cun concerto económico sen transparencia, e sen alternativa pública neste momento para poder reverter esta situación.

E insisten en que non pode quedar impune:

  1. Facer que a cidadanía pague 470.469.422 euros de máis á sociedade concesionaria do HAC.
  2. Facer un hospital máis pequeno, que non responde ás necesidades da área sanitaria.
  3. Manter e incluso aumentar o negocio da sanidade privada.

Por iso SOS Sanidade insta a “reconstruír” todo o que estaba previsto facer e que, “por decisión política”, non se fixo.

  1. Reversión da concesión e rescate do Álvaro Cunqueiro. “Exiximos a decisión política de reverter a concesión do hospital, rescatando o Álvaro Cunqueiro para o ámbito do público”.
  2. Ampliación e dotación hospitalaria.
    1. Ampliar o HAC co que figuraba no proxecto inicial para garantir 1.265 camas.
    2. Restituír unha Unidade de Coidados Mínimos con 148 Camas, a Unidade de Docencia e Investigación e unha unidade de Rehabilitación.
    3. Poñer a pleno rendemento as camas do Hospital do Meixoeiro (422) e do Hospital Nicolás Peña (117).
    4. Recuperar a poboación de 300.000 persoas usuarias de Pontevedra que antes tiña servizos especializados en Vigo (Cirurxía Torácica, Cardíaca, Hemodinámica, etc.).
  3. A Reordenación asistencial da área de Vigo, reivindicando a construción dun Centro de Alta Resolución (CAR) coas especialidades más demandadas pola poboación, no centro de Vigo, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro no arrabalde da cidade provocou un distanciamento dos recursos hospitalarios.
  4. Recuperación da Atención Primaria
    1. A recuperación da Atención Primaria, con aumento da inversión, analizando as necesidades de recursos, tanto humanos como estruturais, dos centros de saúde e dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da nosa área sanitaria.
    2. Para o Morrazo exiximos a construción do novo Centro de Alta Resolución na Rúa coas especialidades máis demandadas, e o PAC de Atención Primaria.
    3. Rematar xa o centro de saúde de Moaña co seu PAC, ampliar o de Cangas (trasladando o PAC ao CAR) e construír o novo Centro de Saúde no Hío, tal e como estaba previsto, para dar cobertura a poboación de Aldán e O Hío.
    4. Dotación do C.S. Olimpia Valencia con persoal propio, mantendo o C.S. Nicolás Peña e garantindo o servizo de pediatría en todos os centros de saúde da área sanitaria.

“Para que todo isto sexa posible é necesario garantir o incremento da inversión en sanidade pública na área sanitaria de Vigo, e que os cartos públicos se utilicen para reforzar a Atención Hospitalaria e recuperar a Atención Primaria, e non para incrementar o negocio da sanidade privada”.

Polo que dende a Plataforma SOS Sanidade Pública fan un chamamento a cidadanía da área sanitaria a participar na manifestación convocada en Santiago o vindeiro domingo 1 de febreiro desde a Alameda de Santiago de Compostela ás 12:00 horas, “xa que a sanidade pública non se vende, deféndese”.