SOS Sanidade Pública chama a unha gran mobilización o 1 de febreiro polo dereito á saúde

A marcha sairá ás 12 horas da Alameda compostelá e rematará na Praza do Obradoiro
- 21 Xan 2026

A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, compareceu este mércores en rolda de prensa para chamar á participación masiva na manifestación convocada para o domingo 1 de febreiro, que sairá ás 12 horas da Alameda de Compostela, baixo a consigna “mobilízate para defender o teu dereito á saúde”.

Na comparecencia, SOS Sanidade, alertou que fronte á política de destrución e privatización do sistema sanitario público aplicada polo Goberno do PP na Xunta non queda outra alternativa máis que a mobilización “ou o sistema seguirá colapsado e en permanente destrución”.

O voceiro da plataforma, Manuel Marín, denunciou a falta de recursos humanos e orzamentarios, o colapso dos servizos de urxencias hospitalarias, a saturación dos hospitais, o desmantelamento dos hospitais comarcais, a derivación de miles de pacientes e cartos ás sanidade privada, as listas de agarda interminábeis e o “gravísimo problema de accesibilidade da poboación á Atención Primaria”, que é a entrada ao sistema sanitario público.

Salientou que a media de espera para unha consulta no centro de saúde está no entorno torno aos 7-10 días, aínda que hai localidades nas que se eleva até os 20 días. Unha demora que cualificou de gravísima tendo en conta que “máis do 35% dos problemas de saúde se resolven na Atención Primaria”.

Á espera hospitalaria, engadiu, non se atopa en mellor situación con esperas longuísimas que non reflexan as cifras reais ao recorrer ao denominado “buzón”, “onde se acumulan as persoas doentes que están a esperar unha intervención e que non aparecen nas listas estruturais”.

"A poboación galega non vai baixar os brazos"

Por iso, a Plataforma anima á participación multitudinaria na mobilización do 1 de febreiro e a encher o Obradoiro para que a Xunta teña claro “que a poboación galega nunca vai baixar os brazos e non vai aceptar esta situación inaceptábel”; e para rexeitar a estratexia de desmantelamento e privatización do sistema público coa derivación de doentes a centros privados concertados “que están en mans case todos eles de multinacionais que viron en Galiza unha oportunidade de facer negocio”.

“Máis do 40% das ganancias dos ingresos dos hospitais privados concertados e non concertados son diñeiro público a través da derivación de pacientes a estes centros”, alertou Marín, quen sinalou que este deterioro premeditado da sanidade pública tamén “empurra as persoas a acudir a sanidade privada e a contratar seguros privados complementarios que son unha estafa”.