Contra a precariedade no comercio de alimentación: incrementos salariais e control da xornada

CIG-Servizos continúa coa campaña para denunciar a falta de melloras no convenio provincial
Ferrol - 12 Abr 2017

A CIG-Servizos continúa coa campaña de mobilizacións para denunciar a precariedade do Convenio do Comercio de Alimentación da provincia da Coruña, asinado hai uns meses por USO e UGT, así como a falta de rexistro das xornadas no sector. Desta volta as protestas trasladáronse ás portas do supermercado Gadis da Avenida de Esteiro, en Ferrol.

O convenio recentemente asinado, subliñan dende CIG-Servizos, non resolver a precariedade que padece o persoal do sector ao non incluír ningunha mellora social ou salarial e, de feito, nin sequera se garante a suba do IPC real de 2016. “É dicir, traballaremos igual pero por menos cartos, dado que se firmou unha subida salarial inferior ao IPC, o que se traduce en que  as traballadoras e traballadores perdan arredor duns 500 euros ao ano de poder adquisitivo”, explican.

Pero ademais, no convenio tampouco se negociou a implantación dos mecanismos de control horario para detectar as horas extraordinarias que se fan, pero que as empresas nin cotizan nin pagan. E isto a pesares de existir requirimentos varios da Inspección de Traballo e do TSXG -tras denuncia presentada pola CIG- que obrigan a Gadisa e Froiz a iniciar o proceso para a súa implantación.

“Entendemos que estas empresas teñen os medios necesarios para garantir o cumprimento do rexistro de xornadas, e evitar así as gran cantidade de horas extras que se realizan neste sector, que nin se pagan nin se compensan en tempo de descanso”, engade a CIG-Servizos.

O convenio do comercio de alimentación regula as condicións de miles de traballadoras e traballadores da provincia: só nas dúas principais empresas, Gadisa e Froiz, traballan arredor de 3.500 persoas.