Non á represión sindical en Zara! Concentración nos xulgados en apoio á presidenta do comité, Carmiña Naveiro

Con motivo do xuízo contra a empresa por vulneración da liberdade sindical e o dereito á dignidade
Santiago - 30 Set 2020

Delegadas e delegados da CIG concentráronse esta mañá nos xulgados de Santiago en solidariedade con Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara na Coruña, que foi expulsada do seu centro de traballo pola policía tras negarse a aceptar a modificación unilateral de horarios imposta pola empresa se non lle comunicaba por escrito esta mudanza.

A concentración, na que participaron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, realizouse coincidindo coa celebración do xuízo contra Zara por vulneración da liberdade sindical e o dereito á dignidade de Naveiro. Coa protesta, ademais de trasladarlle todo o apoio e a solidariedade á compañeira Carmiña, quixéronse pór en evidencia as prácticas laborais no grupo téxtil que na maioría veces quedan ocultadas polo enorme máquina propagandística de Inditex.

Cómpre lembrar que o pasado 11 de maio, Inditex comunicou de maneira sorpresiva, dun día para outro, por teléfono, sen negociación coa representación legal e amparándose no estado de alarma, a modificación dos horarios de todo o persoal do grupo. A compañía negouse a trasladar por escrito estes cambios nos que incluíu tamén as traballadoras que tiñan recoñecida a redución de xornada por coidado de crianzas. Unha medida que a CIG denunciou como un ataque directo contra o dereito á conciliación da vida laboral e familiar.

A empresa recorre á policía para desaloxar a traballadora

Tan só un día despois, como consecuencia deste cambio, a traballadora e presidenta do comité, Carmiña Naveiro, era expulsada do seu centro de traballo por dous gardas de seguridade e catro policías. O 12 de maio, Naveiro atopábase desenvolvendo o seu labor na quenda de tarde, cando a empresa lle comunicou que tiña que marchar ás 20:15 horas, en lugar de ás 22:30 horas, cando remataba o horario habitual.

Diante disto, a traballadora solicitou que se lle comunicara por escrito, porque do contrario non ía abandonar o seu posto de traballo. A empresa negouse a facelo e por toda resposta chamou a policía para que a expulsasen da tenda. O que pasou relatábao a propia Naveiro: “entón entran seis homes vestidos de uniforme -catro policías e dous gardas de seguridade- non almacén onde estaba a traballar eu soa; sentinme totalmente coaccionada, pero aínda así non abandonei o meu posto até que a empresa mo comunicou por escrito”.

Prácticas patronais intolerábeis

Naveiro sinalaba que o grupo Inditex aparece nos medios de comunicación coma “unha alma caritativa” que fai doazóns, non aplica ERTE, etc., "pero logo resulta que amparándose no estado de alarma modificou a xornada do seu persoal e chama a policía para obrigar as súas traballadoras a abandonar o seu posto, aplicando a represión contra elas e as súas representantes”.

Ante este tipo de prácticas intolerábeis, a central presentou denuncia no xulgado “porque non podemos deixar pasar este abuso patronal e a vulneración dun dereito fundamental”.