• Nova

“Non hai represión que pare a loita obreira!”

A CIG desenvolveu unha protesta solidaria no xuízo a seis sindicalistas acusados de coaccións na ocupación de Barreras
- 18 Abr 2022

Ao berro de “Non hai represión que pare a loita obreira!” a CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante dos Xulgados de Vigo en solidariedade cos seis sindicalistas acusados por Barreras dun delito leve de coaccións durante a ocupación simbólica das instalacións da empresa para reclamar o mantemento da actividade industrial e dos empregos. O proceso penal, que foi cualificado de “feito insólito e moi grave” polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quedou visto para sentenza tras a declaracións dos encausados e das testemuñas.

A protesta tivo lugar ás portas do edificio xudicial da rúa Lalín ás 9:30 horas, media hora antes do inicio da vista oral que tivo lugar no Xulgado de Instrución número 5. Alí, o máximo responsábel da central nacionalista cualificou de “insólito e moi grave” a que se celebre este xuízo no que se lles reclaman multas económicas aos acusados, “xa que os que tiñan que estar no xulgado son as persoas que levaron Barreras á ruína coa súa xestión delitiva e as que non están a facer nada para que o proxecto industrial continúe”.

Por iso tildou de “estrafalario” que se queiran converter “as vítimas en verdugos” co único obxectivo de “criminalizar a resposta” a unha situación “tan grave” como a que se está a vivir con este estaleiro. “Isto é o mundo ao revés, porque quen denuncia a situación e reclama o mantemento dos postos de traballo que están ameazados vese envolto nun proceso xudicial”, lamentou.

Lembrou que CIG fixo no seu día unha ocupación simbólica do estaleiro para alertar sobre o abandono que padecía e denunciar “un claro exemplo de como a privatización dunha empresa pública provoca esta situación tan nefasta”. Esa acción reivindicativa tivo como consecuencia a celebración deste xuízo por supostas coaccións leves “e foi utilizada como escusa para despedir o representante da CIG no comité de empresa, Rafa Pérez”.

Fronte a isto, Carril incidiu en que “defender a clase traballadora e os empregos non é ningún delito, como si o é o que está a pasar na empresa e o que semella que se quere que siga a acontecer, porque nin o Ministerio nin a Consellaría de Industria exercen as súas competencias para evitar a desaparición do estaleiro e dos postos de traballo”.

O xuízo, no que a cada un dos acusados -o propio secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, o responsábel da CIG-Industria da comarca, Xulio Fernández, outros tres sindicalistas da federación e o ex delegado da central sindical no comité de empresa de Barreras- se lles solicitan multas de 12 euros ao día durante tres meses, quedou visto para sentenza tras as súas declaracións e as das testemuñas propostas tanto pola acusación como pola defensa.