“Non pode ser, non poder ser, que haxa comprador e Garrigues sen vender!”

Persoal de Thenaisie mobilízase diante do despacho de avogados Garrigues en Vigo para que se desbloquee a venda da conserveira

Vigo -

O cadro de persoal da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e en Mos, mobilizouse hoxe convocado pola FGAMT-CIG diante do despacho de avogados Garrigues en Vigo para reclamar que se desbloquee o proceso de venda da empresa, co obxectivo de garantir o mantemento da actividade industrial e dos 125 postos de traballo.

A concentración, que se desenvolveu na rúa Areal de 11:00 a 11:30 horas, convocouse despois de que na xuntanza celebrada onte entre o comité e a directora financeira da empresa e os seus asesores -o despacho Garrigues- se contatase que se están a poñer atrancos ao proceso de venda a pesar de que existe unha oferta firme dun inversor galego. Por iso unhas das consignas máis coreadas durante a protesta foi “Non pode ser, non poder ser, que haxa comprador e Garrigues sen vender!”.

Rosa Abuín, responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, explicou que na reunión tamén quedou claro que “a única oferta de compra real” é a do empresario galego, xa que da outra -dun grupo catalán- non sabemos nada”. Abuín xa amosara as dúbidas e incertezas a respecto da segundo oferta, sobre todo nos prazos de reinicio da actividade, “mentres que a oferta do inversor galego sería para comezar a traballar en canto se fixese efectiva a compra”.

Neste senso, precisou que como a empresa se acolleu á lei concursal, as negociación de venda as están a levar a cabo tanto os asesores da empresa -o despacho de avogados Garrigues- como a directora financeira.

Ao mesmo tempo, incidiu en que “non imos consentir que a empresa vaia á liquidación, sobre todo tendo en conta que existe unha oferta dun empresario galego cun proxecto sólido; por iso non entendemos que se estan a poñer atrancos a esta opción; non é de recibo que o despacho Garrigues estea a obstaculizar o proceso non entrando a valorar sequera as ofertas que hai enriba da mesa; está claro que o que lle interesa que o concurso vaia para adiante, que é onde teñen o negocio”.

Volver