• Nova

Nova concentración do persoal de seguridade do CC Marineda City contra os recortes no servizo

Critican o acoso da dirección para que se desconvoquen as mobilizacións
A Coruña - 07 Mar 2022

O persoal de seguridade privada do CC Marineda City continuou o pasado sábado coas mobilizacións en rexeitamento aos recortes de persoal que, dende hai anos, está a aplicar a xerencia do centro comercial, baixo todo tipo de escusas como a pandemia ou o elevado prezo da luz.  

Na protesta, lembrouse que hai catro anos, na quenda de mañá, estaban operativos catro vixilantes máis que os/as que hai agora, a pesar de que neste tempo se incrementou a carga de traballo e o número de intervencións.

A sección sindical da CIG en Prosegur, a empresa que ten adxudicado este servizo no Marineda, salienta que neste tempo, ademais, varios establecementos comerciais apostaron pola mesma vía e recortaron en seguridade, polo que agora, tendo "é somos os e as vixilantes do complexo comercial quen temos que reforzar eses servizos se ocorre algunha incidencia".

E xunto a isto, sinalan a aparición de novas tarefas derivadas da pandemia como o control de aforos, que os usuarios e usuarias leven postas as máscaras ou que se manteñan as distancias de seguridade.

Na concentración, convocada pola CIG e CCOO, advertiuse que os recortes non só afectan ao persoal de seguridade, senón tamén hai reducións de persoal auxiliar, de limpeza ou de mantemento, nun intento de maximizar beneficios a conta de destruír emprego e sobrecargar de traballo. Neste senso, denuncian que, en vez de buscar solucións, a única resposta da xerencia do CC é acosar o persoal para que desista nas súas protestas.