Nova concentración para esixir a implicación da UdC no conflito dos servizos auxiliares

PREGECSA non subrogou ao persoal para contratar outro novo en condicións máis precarias
A Coruña - 09 Mai 2019

Traballadores e traballadores que viñan prestando servizos auxiliares nos campus da Coruña e Ferrol, xunto con delegados e delegadas da CIG, volveron mobilizarse este xoves diante do reitorado da Universidade da Coruña para esixir a súa implicación no conflito que se está a vivir neste servizo logo de que a nova empresa adxudicataria, PREGECSA, decidira non subrogar a todo o persoal para contratar outro no seu lugar en condicións máis precarias.

A concentración desenvolveuse diante do reitorado, mais en determinado momento trasladouse até o recibidor do edificio. Só despois deste movemento foi que o reitor chamou para falar cunha representación do persoal, con que se comprometeu a manter unha xuntanza (previsibelmente ao longo da vindeira semana) para abordar a problemática laboral nos servizos auxiliares, tras o despedimento de 12 traballadoras/es ((5 do campus de Ferrol e 7 da Coruña) pola nova adxudicataria.

O máximo responsábel da institución educativa afeoulles ter levado a protesta ao interior do edificio, reproche ao que, salienta Mario Díaz, da CIG-Servizos da Coruña, "contestámoslle con claridade: se non houbera despedimentos non habería conflito, nin concentracións no reitorado". Neste senso, Díaz subliñou que o persoal afectado agarda que nese encontro, a UdC por fin se decida a intervir e busque solucións para que se garantan os seus dereitos.

Indefensión do persoal afectado

Esta é a segunda concentración que a CIG desenvolve no edificio da Maestranza (alén dunha primeira realizada no campus de Ferrol) para esixir a reincorporación das 12 persoas despedidas, que nalgúns casos levaban máis de dez anos prestando servizos para a Universidade da Coruña nunhas condicións cativas, xa que cobraban o salario mínimo interprofesional.

Porén, PREGECSA, "aproveitándose de que non tiñan convenio de referencia que garantira o seu dereito á subrogación, e coa conivencia da UdC, busca pagar aínda menos, recorrendo a contratos bonificados para substituír a este persoal".

Ademais, estas traballadoras e traballadores atópanse nunha situación de indefensión total, xa que, alén de estar na rúa dende o 1 de marzo, teñen problemas para que o SEPE lles recoñeza o dereito a cobrar a prestación por desemprego, porque na práctica non foron despedidos pola anterior concesionaria, ASTRA, senón que figuran como persoal subrogado.

E malia isto, unha institución como a Universidade, titular da contrata "e que debería ser emblema da responsabilidade social, mira para outro lado e cala ante este abuso". Neste senso, a CIG-Servizos critica que se permita a entrada deste tipo de "empresas pirata" que só buscan precarizar condicións laborais para tirar maiores beneficios a conta dos cartos públicos.

A empresa non comparece no SMAC

Todos os despedimentos están denunciados e xa se produciron os primeiros actos de conciliación no SMAC, que remataron, invariabelmente, sen avinza, xa que a empresa nin sequera compareceu. Dese xeito, os procesos para a readmisión deste persoal continúan pola vía xudicial, alén de que a CIG manterá as mobilizacións até que se reverta esta situación e se recoñezan os dereitos destas traballadoras e traballadores.