• Nova

Nova demanda contra DomusVi Ferrol pola imposición dun calendario laboral ilegal e inasumíbel

Traballadoras/es da residencia concentráronse nos xulgados para denunciar os abusos da empresa
Ferrol - 21 Feb 2022

O comité da residencia DomusVi de Ferrol presentou demanda no xulgado contra a imposición por parte da dirección do centro dun calendario laboral no departamento de xerocultoras que, ademais de ilegal por incumprir o establecido no convenio colectivo, non se axusta ao número de traballadoras e traballadores que hai na residencia, provocando unha sobrecarga de traballo inasumíbel.

Con motivo do xuízo, que quedou visto para sentenza, o comité desenvolveu unha concentración ás portas do xulgado de Ferrol para denunciar tamén os cambios de carteleiras que se están a producir nos departamentos de xerocultoras e limpeza. Mudanzas que se fan "sen xustificar" e que son "impostas de maneira unilateral e sen negociación nin acordo co comité nin as traballadoras afectadas".

A este respecto, Beatriz Fernández, responsábel do sector na CIG-Servizos de Ferrol, destacou a ampla participación do persoal na concentración deste luns, o que evidencia que as traballadoras e traballadores desta residencia están fartas de aturar unhas condicións de precariedade e de que, por enriba, a empresa non respecte os seus dereitos laborais e salariais.

Neste senso, lamentou que, unha vez máis, as traballadoras teñan que acudir aos xulgados a reclamar os seus dereitos fronte aos abusos permanentes de DomusVi. O comité critica  "as actitudes ditatoriais dos responsábeis da dirección e organización do centro" xa que, lonxe de buscar un clima de traballo adecuado, "están a forzar as traballadoras a sorportar unha sobrecarga laboral e un nivel de estrés físico e psicolóxico inaceptábel".

Por iso, esixe a intervención das persoas responsábeis de Recursos Humanos do grupo DomusVi "e que deixen de mirar para outro lado, desbloqueando a situación na que nos atopamos. Do contrario, continuaremos a denunciar os abusos desta empresa, pois están a vulnerar sistematicamente os dereitos laborais das traballadoras aproveitándose da precariedade deste sector".