• Nova

Nova mobilización do persoal de Top Wash pola readmisión de oito compañeiros/as

Concentráronse diante da empresa e na sede de Inditex
A Coruña - 18 Set 2020

Traballadores/as de Top Wash continuaron este venres o calendario de protestas para esixir a readmisión dos oito compañeiros despedidos e denunciar que Inditex "consinte neste ERE encuberto" na súa contrata, aproveitando a situación de emerxencia sanitaria para abaratar custes e afondar na política de deslocalizacións.

Top Wash (que traballa en exclusiva) realiza os labores de tinturería industrial, acabado das prendas, lavado ou funcións de  laboratorio para probas de novos modelos e tinturas, e tivo ao seu persoal en ERTE durante tres meses por mor motivo da covid19. Agora, case sen rematar o expediente, a empresa despide a oito traballadores/as alegando causas obxectivas "que non existen".

Cambiar persoal fixo por eventual

Para o comité (con maioría da CIG) con esta manobra o que busca a empresa é desfacerse de persoal fixo e con antigüidade (que durante moitos anos soportou unhas condicións laborais cativeiras) para cambialo por "persoal eventual que lles sae máis barato e ten peores condicións".

Unha estratexia que, denuncia a representación social, "xa vivimos hai tres anos cando Top Wash despediu a nove compañeiros que gañaron a improcedencia en vía xudicial" pero agora a contrata de Inditex dá un paso máis xa que os despedimentos van acompañados da eliminación dunha quenda completa de traballo.

"O único que pedimos é que readmitan a estes compañeiros e compañeiras, ter un emprego digno e que non se consinta a unha multinacional como Inditex seguir deslocalizando traballo para engordar os beneficios", conclúen.