Nova mobilización do sector de ambulancias da área de Santiago pola negociación do convenio colectivo

Os traballadores/as reclaman un servizo público digno e de calidade
Compostela - 20 Dec 2018

Traballadoras e traballadores do sector de transporte sanitario –ambulancias- da áea de Santiago mobilizáronse novamente este xoves, en Compostela, en demanda da negociación do convenio, caducado desde hai 3 anos, e por un servizo público de calidade. A mobilización iniciouse cunha concentración ás portas mesmo do Hospital Clínico, desde onde saíron en manifestación cara a sede de Ambuibérica e a patronal, en Santa Marta.

No decurso da mobilización o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón denunciou que aínda que está constituída a mesa negociadora do convenio “dá a sensación de que a patronal está dilatando a mantenta” que se chegue a pechar un acordo.

Por iso, as traballadoras e traballadores do sector reclaman a implicación da Xunta de Galiza na solución deste conflito que leva enquistado tres anos e que garanta o cumprimento dos compromisos adquiridos polas empresas para que se solucionen todas as deficiencias do servizo. Unha situación da que Pavón responsabiliza a ambas as partes, patronal e administración, por térense repartido os concursos públicos sen ter en conta o custe real deste servizo.

Condicións laborais

Isto dá nunhas condicións laborais que a CIG considera inadmisíbeis. Así, aseguran que “hai empresas onde o persoal fai máis de 50 horas extras ao mes –sen cobrar ou mal pagadas- onde non teñen os descansos e as vacacións regulamentarias, onde falta persoal ou onde as empresas non se fan cargo, como marca a lei, da desinfección dos uniformes, poñendo en risco a saúde non só do persoal, senón tamén das e os doentes.

Deficiencias do servizo público

Xunto a isto denuncian que a precariedade dos concursos públicos afecta tamén ao propio servizo; ambulancias nas que chove dentro, ambulancias e bases sen limpeza e desinfección acaídas, deterioradas e con avarías que non se arranxan nunca, falta de material para realizar dignamente a súa función e que hai que coller dos hospitais porque “as empresas non os poñen”, e innumerábeis incumprimentos das mínimas condicións exixíbeis nun servizo público.

A modo de exemplo destes incumprimentos Pavón sinala que, segundo o contrato, aos dous anos as empresas concesionarias do servizo programado tiñan que cambiar a flota de ambulancias. Porén asegura que, no canto disto, “o que fixeron foi intercambiar os vehículos usados entre as distintas áreas”. Deste xeito, por exemplo, as ambulancias de Santiago foron trasladadas a outra Área Sanitaria e para aquí trouxeron as que se estaban utilizando na de Lugo.

Tamén para ilustrar o deficitario estado dos vehículos, o representante da FGAMT-CIG asegurou que hai algunha coas escadas estragadas e que, “para que a xente suba se lle está poñendo unha caixa de cervexa”.

O persoal do sector de ambulancias leva anos mobilizándose por unha mellora do servizo público e das súas condicións laborais. Mantiveron folgas, convocaron manifestacións, innumerábeis concentracións e repartos informativos para darlle a coñecer a usuarias e usuarios da sanidade pública a problemática que padecen e que tamén as/os atinxe. A semana pasada mesmo fixeron repartos nos distintos centros hospitalarios da Área Sanitaria, nomeadamente no Hospital Clínico, no do Barbanza e no hospital de Conxo.