• Nova

Nova protesta do persoal da limpeza do CHUF contra as represalias e os recortes aplicados por Ferrovial

Demándanlle á empresa concesionaria que recupere o emprego e os dereitos roubados
Ferrol - 15 Xun 2017

As traballadoras e traballadores de Ferrovial, (encargada da limpeza do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, CHUF) continuaron este xoves coas mobilizacións para esixir á empresa "que cese a política de represalias" que está a aplicar e en demanda da "recuperación dos postos de traballo e os dereitos que nos roubaron".

Como a CIG-Servizos ten denunciado en diversas ocasións, o persoal da limpeza do hospital leva cos salarios practicamente conxelados dende o ano 2012. E por se non fora abondo, Ferrovial aplica unha política de represión laboral, castigando os/as traballadores/as que caen de baixa médica con cambios de postos, mudándolle os horarios, ou aproveitándose da bolsa de hora para envialos a facer os traballos máis penosos.

Hai uns meses, as/os traballadoras/es iniciarion accións para que a empresa mudara a súa conduta e, en abril, realizaron unha concentración similar no hospital. Porén, explica Cristina Martínez Padín, secretaria comarcal da CIG-Servizos, "neste tempo non houbo avances de ningún tipo".

A protesta desta mañá achegáronse representantes do BNG e En Marea, formación esta última que informou que vai levar ao Parlmento galego a situación do persoal e as condicións do contrato de limpeza.

Recortes para o persoal, beneficios para a empresa

A destrución de emprego e a precarización das condicións laborais contrasta co millón de euros de beneficio que a CIG-Servizos de Ferrol e o Comité calculan vai tirar a empresa co novo contrato, xa que o Sergas incrementou o prezo do servizo a niveis pre-crise, para limpar os mesmos metros cadrados, pero con 20 traballadoras/es menos.

Neste senso, o Comité acusa ao Sergas de facilitar a empresa aplicar todo tipo de recortes pois, se antes da crise os pregos estabelecían que eran necesarios un mínimo de 120 traballadores/as para facer o servizo, neste último, rebaixa a dotación de persoal a 100 persoas, a pesar de que a superficie a limpar segue a ser a mesma.

Xunto a isto, o Comité denuncia que nos últimos anos a empresa aplicou recortes laborais e salariais, "facendo seu o roubo das pagas extraordinarias" que a administración impuxo ao seu persoal, non cubrindo as baixas e ausencias ou mesmo negándose a dar o material necesario para a realización do servizo de limpeza.

Dende a CIG-Servizos reclaman ao Sergas que deixe de actuar como cómplice da empresa, "facilitándolle a precarización e eliminación de postos de traballo".