Nova xornada de protestas contra o abusos laborais en Prosegur e polo dereito a conciliar

A sección sindical da CIG volveuse concentrar diante do IKEA da Coruña
A Coruña - 11 Out 2019

A sección sindical da CIG en Prosegur continuou este venres coas protestas en rexeitamento ao traslado de centro de traballo dun vixilante de seguridade, tras denunciar a mala praxe dun superior tanto diante da súa empresa (Prosegur) como do cliente para o que presta servizo (IKEA). Pero este traslado, explican, impediríalle poder conciliar e malia os intentos de negociar coa empresa para buscar un centro que facilitase un calendario laboral que lle permita atender as súas fillas, "a única medida que tomou Prosegur foi comunicar o traslado do traballador e do xefe de equipo, segundo dixo, cumprindo ordes do cliente IKEA".

Por iso, o calendario de concentracións acordado para pedir que se respecte o dereito a conciliar a vida laboral e familiar estase a desenvolver precisamente diante da tenda que a cadea nórdica de mobles ten na Coruña, baixo o lema "IKEA ordena, Prosegur executa".

A sección sindical subliña que o vixilante afectado leva destinado no servizo de seguridade privada do IKEA dende 2011, onde tamén traballa a súa muller, que ten unha redución da xornada por coidado de fillas menores de 12 anos. Porén, este traslado "derivado de denunciar a mala praxe dun superior e contra do que a empresa non tomou ningunha medida para protexer o seu persoal" impediríalle poder atender as súas fillas como viña facendo até agora.

Para resolver esta situación solicitóuselle a Prosegur que facilitara un calendario laboral ou lle buscara un centro de traballo que lle permita conciliar, pero "a empresa non ofreceu ningunha mellora", limitándose a comunicar o traslado, segundo asegurou, porque así llo demandou IKEA". Diante disto, a sección sindical da CIG acordou iniciar este calendario de mobilizacións.