• Nova

Nova xornada de protestas contra os recortes de persoal no CC Marineda City

Traballadores/as de seguridade denuncian a redución do servizo malia o incremento da carga de traballo
A Coruña - 29 Abr 2022

Este venres continuaron as mobilizacións no Centro Comercial Marineda City en contra dos recortes no servizo de seguridade, co único obxectivo de aforrar cartos a conta de  destruír emprego e sobrecargar de traballo o persoal que queda. Esta redución de traballadores e traballadoras afecta ademais a outros servizos, como o persoal auxiliar ou o punto de información.

A sección sindical da CIG en Prosegur -que ten adxudicado o servizo de seguridade- critica que, baixo a escusa da pandemia, xa se eliminaran catro postos de traballo e no mes de febreiro produciuse un novo recorte, desta volta coa escusa do elevado prezo da electricidade e o medre da inflación. Explican que hai dous anos, na quenda de mañá había catro vixilantes máis no complexo comercial que os que hai agora. E das tres persoas que quedan, dúas son mandos intermedios.

Este recorte de traballadores/as coincide cun aumento da carga de traballo e coa redución de efectivos aplicada por algúns establecementos comerciais que teñen contratado o seu propio servizo de seguridade. A representación social tentou abrir negociacións coa xerencia do Marineda para corrixir este déficit e garantir un número acaído de persoal, pero a resposta foron novas ameazas de recortes coa coartada da situación de crise. Pero, salientan, "dáse a coincidencia de que o xestora do complexo vén de subir un 6.5% o prezo dos alugueiros dos locais comerciais".

A sección sindical da CIG rexeita tamén o xeito en que Prosegur aplicou os recortes ordenados pola xerencia do centro comercial, posto que nin informou nin convocou ao comité previamente, como é perceptivo. Unha actuación que xa foi denunciada na Inspección de Traballo.