O 100% do persoal da planta de recollida e tratamento de lixo de Lousame secunda a folga

Traballadoras e traballadores concéntranse desde as 6:00 h da mañá diante da empresa
Compostela - 07 Dec 2019

Nin un só traballador, nin unha soa traballadora, nin un só camión saíron ou entraron na planta de tratamento e recollida de lixo de Lousame, diante da que o persoal permanece concentrado desde as 6:00 da mañá. O seguimento da folga convocada para esta xornada é, pois, total e afecta aos concellos da mancomunidade do Barbanza e os adheridos, un total de nove, entre os que están Ames, Rois, Brión, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures.

O representante da CIG, Paulo Rubido valora como un éxito rotundo esta xornada de folga convocada diante da falta de avances na negociación do convenio colectivo. Unha folga que podería repetirse en próximas xornadas, tal e como advirte o comité de empresa, se a empresa non acepta as súas demandas.

A planta de tratamento e recollida de lixo da mancomunidade do Barbanza, con sede en Lousame, é unha das tres plantas de reciclaxe que hai en Galiza, xunto coa de Sogama e a de Albada.

O comité convocou a folga en demanda de que no convenio, que se está negociando, se recoñeza o dereito das traballadoras e traballadores a cobrar un plus de tóxicos do 25%, tal e como contempla o estatal, corrixíndose así as diferenzas deste persoal con respecto ao que traballa nas outras plantas de tratamento e recollida de lixo de Galiza.

Rubido subliña que nesta planta, ademais, “existe un contacto máis directo, dado que a separación faise manualmente”, xa que son as traballadoras as que separan, a man, o lixo nunha cadea. Precisamente este feito fai que “esta planta sexa a que ten mellor resultado do Estado español e que estea considerada a segunda mellor planta de recuperación e reciclaxe de Europa”.

O representante da CIG afirma que ao non cobrar ese plus de tóxicos o persoal que traballa en Lousame cobre case un 45% menos que un traballador ou traballadora que desenvolve o mesmo traballo, na mesma categoría, nas instalacións de Sogama, en Cerceda; ou un 16-17% menos que un traballador ou traballadora da de Albada, na Coruña.

Malia levar 8 meses negociando e teren celebrado numerosas xuntanzas tanto coa empresa como coa presidencia da mancomunidade do Barbanza, as posicións seguen “enormemente lonxe” da demanda de conseguir que ese plus chegue, en tres, catro anos, a ser do 25%, aplicado ademais con carácter lineal, o que se traduciría nun incremento de 250€.

“Se esa cantidade representa un 25% significa, evidentemente, que estamos a falar de salarios mileuristas”, matiza Rubido, quen sinala que, dese plus, cóbranse na actualidade 70€ e esa diferenza de 180€ “son os que temos disposición para negociar para un período de tres catro anos, pero queremos rematar ese período cun cumprimento do que establece a norma legal”.

A folga inicialmente está convocada só para o día de hoxe e afecta á recollida de lixo da mañá  á noite. As traballadoras e traballadores teñen claro que o seu obxectivo é conseguir o convenio e non descartan convocar novas xornadas de folga no decurso deste mes.