• Nova

O 100% do persoal de limpeza de Citroën secunda a folga convocada para denunciar os incumprimentos de Clece en materia laboral

Os traballadores/as desenvolveron ruidosas protestas na sede da empresa e nas instalacións da compañía de automoción
A Coruña - 02 Set 2016
A totalidade do cadro de persoal de Clece, contrata do servizo de limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, secundou hoxe a primeira xornada de folga convocada para denunciar os incumprimentos da empresa en materia laboral. Coincidindo co paro, os traballadores/as desenvolveron ruidosas protestas diante da sede de Clece e ás portas da fábrica de Citroën.

(Galería de imaxes)

A folga promovida polo comité de empresa de Clece ante os incumprimentos da empresa no que respecta á normativa laboral e aos acordos pactados co cadro de persoal tivo un seguimento total na súa primeira xornada. Os arredor de 250 traballadores/as que integran o cadro de persoal aproveitaron a convocatoria para mobilizarse tanto ás portas de Clece como de Citroën, onde desenvolveron ruidosas protestas.

A concentración diante da sede de Clece, situada na Praza de América, tivo lugar de 11.00 a 12.00 horas, mentres que de 13.15 a 14.15 a protesta trasladouse até as instalacións da fábrica de automoción. Xa pola noite, as mobilizacións continuarán de novo ás portas da empresa de limpeza de 21.15 a 22.15 horas.

Para o sábado hai prevista unha nova convocatoria de folga, aínda que nesta ocasión o cadro de persoal de Clece optará por non desenvolver protestas na rúa. A representación dos empregados/as mantivo unha xuntanza coa dirección este xoves para intentar chegar a un acordo que permitise suspender os paros pero finalmente as partes non foron quen de achegar posturas.