O 100% do persoal das bibliotecas municipais da Coruña está en folga para exixir o pago dos salarios e solucións inmediatas

A empresa LTM insiste en que non ten capacidade económica para abonar os soldos
A Coruña - 04 Xul 2022

O 100% das traballadoras e os traballadores das bibliotecas municipais da Coruña están secundando este luns a folga para exixir a empresa concesionaria, LTM Servicios Bibliotecarios, que abone de inmediato a paga extraordinaria e ofreza garantías de pago das nóminas dos próximos meses. O persoal concentrouse tamén diante do Pazo de María Pita para reclamar solucións do Goberno local que poñan fin á incerteza que padecen mes tras mes debido á baixa dotación orzamentaria do contrato.

Nas bibliotecas municipais da Coruña convive un modelo de xestión mixta, polo que hai persoal contratado directamente pola administración local e persoal contratado a través da empresa concesionaria. Aínda que ambos colectivos realizan as mesmas funcións e teñen as mesmas responsabilidades, as súas condicións salariais e laborais son moi diferentes.

Pero ademais, as 75 empregadas e empregados que prestan servizos a través LTM leva anos arrastrando problemas no pago dos salarios, agravados agora porque a empresa di que non ten cartos. "Partimos dun prego precario e dunha empresa que sete meses despois de asinar o prego nos traslada a súa incapacidade económica para facer fronte ao pago das nóminas", explica a presidenta do comité, Elisabeth Rodríguez (CIG).

Para tratar esta situación, o pasado venres, o comité mantivo unha reunión co Concello da Coruña a quen lle demandaron solucións urxentes que poñan fin á precariedade e á inestabilidade que padecen. Ese mesmo día, a empresa fixo efectivo o abono da nómina de xuño, mais non ingresou a paga extraordinaria, tal e como correspondería, e segue insistindo en que ten dificultades económicas para afrontar os pagos.

Iso deixa o persoal nunha total incerteza sobre que pasará nos próximos meses coas súas nóminas, tendo en conta que o actual contrato non remata até dentro de ano e medio. "Estamos hoxe aquí para reclamar solucións. Coas bibliotecas pechadas para pór en valor a importancia do noso traballo, a necesidade de contarmos con estabilidade e cobrar polo noso traballo. Mais tamén para que estas situacións provocadas por pregos en precario non se repitan", apuntaba Rodríguez durante a concentración en María Pita.

Aínda que a folga está convocada con carácter indefinido, o persoal irá acordando día a día o seu desenvolvemento en función das medidas que se vaian achegando. "O venres saímos da reunión do Concello con promesas, pero non temos nada solucionado", advirte a representante do persoal, quen adiantou que para esta mesma xornada agardan manter unha nova xuntanza co Goberno. 

"O que máis nos preocupa é a declaración da empresa de que non pode seguir adiante co prego, pois aínda que as facturas están a día de hoxe correctamente abonadas polo Concello, que seguridade podemos ter se a empresa di que non ten cartos?", alertou. Por iso, Rodríguez puxo a atención tamén nas eivas deste modelo mixto, que conleva un empeoramento dos servizos públicos e a precarización das condicións laborais e salariais do persoal.