O 90% dos contratos realizados no mes de abril foron temporais

A alta rotación e escasa duración impide acceder a prestacións por desemprego
Nacional - 04 Mai 2018

Segundo os datos de paro rexistrado que se veñen de facer públicos, o pasado mes de abril realizáronse 81.844 contratos. Porén o desemprego só se reduciu en 2.812 persoas. Isto constata para Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego, a “consolidación da precariedade” en Galiza a consecuencia dunhas reformas –laborais e da negociación colectiva- que tiñan precisamente ese obxectivo: rebaixar as condicións laborais e salariais e laminar os dereitos da clase traballadora. Por iso conclúe que “a folga xeral debe ser un forte berro pola recuperación dos nosos dereitos”.

Da análise dos datos tírase ademais que malia descender menos o desemprego que no mesmo mes do ano anterior, rexistráronse 7.000 contratos máis que en abril de 2017 (74.091 en 2017, 81.844 neste último mes) o que indica que a duración dos contratos é cada vez menor e que a rotación é cada vez máis elevada.

De feito, mentres que en abril de 2017, para 6.000 desempregados/as  menos se rexistraran 74.091; en 2018 para 2.812 parado/as menos, rexistráronse 81.844 novos contratos. “Os números falan por si mesmos”, apunta Cartelle.

Exclusión social

A isto engade que tan só o 10% dos contratos se rexistraron baixo algunha modalidade de contratación indefinida. “Este tipo de contratación (alta rotación e escasa duración), impide aos novos parados e paradas ter acceso a unha prestación por desemprego, de aí que a porcentaxe de parados/as con dereito a prestación descenda”. No último mes tan so o 48,2% , 2 puntos menos que no ano anterior.

Ante isto, o secretario confederal de Emprego denuncia que “mentres esta é a realidade, o goberno pretende recortar aínda máis un xa deteriorado sistema de protección social”.

Caída conxuntural

En todo caso o mes de abril rematou en Galiza con 182.291 persoas paradas rexistradas na oficinas do SEPE, un 1.52% menos que no mes anterior, o que en termos absolutos equivale a 2.812 persoas paradas menos. Porén, na media estatal o descenso foi un punto superior, do 2,53%.

Atendendo á serie histórica confírmase que nin nos peores anos da crise medrou o paro rexistrado en Galiza no mes de abril. É polo tanto un mes no que tradicionalmente descende o desemprego. O cese de condicións climáticas adversas  nunha economía cun importante peso do sector servizos leva a esta situación. O que varía é a porcentaxe do descenso, que vai máis en función de se a Semana Santa se sitúa neste mes ou non. En 2018 non coincidiu e, polo tanto, o descenso foi menor que en 2017.

Estamos, xa que logo, diante dunha caída meramente conxuntural, polo que máis que o descenso do desemprego, compre analizar o calidade do emprego e para iso a contratación non nos dá unha visión demasiado optimista.

A ese respecto Cartelle denuncia a proliferación de contratos por días e horas, a tempo parcial e con salarios de miseria. Advirte que “non podemos consentir que siga avanzando a pobreza entre a clase traballadora mentres uns poucos se enriquecen a nosa costa”.

O secretario confederal de Emprego chama, ante isto, a camiñar cara a Folga Xeral entendendo que “só unha resposta masiva e contundente como esa por parte dos traballadores e traballadoras pode reverter os nefastos efectos das políticas económicas do PP”.