O cadro de persoal de Aludec Pontevedra, en pé de guerra contra a precariedade laboral
O cadro de persoal de Aludec Pontevedra mobilizouse hoxe diante das instalacións da empresa coincidindo co cambio de quenda convocado polo comité para reclamar uns convenios colectivos dignos que rematen coa precariedade laboral na compañía do sector da automoción con sede no polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas. Dende a CIG-Industria reclaman unha revisión da clasificación profesional e unha actualización de salarios en base ao IPC.
A parte social denuncia o “nulo interese” da dirección en avanzar no recoñecemento das súas demandas, en especial no que ten que ver coa elevada precariedade e coa clasificación profesional, xa que Aludec mantén nos convenios colectivos dos distintos centros de traballo retribucións diferentes para persoal que desenvolve as mesas funcións.
Ademais, un 30% do persoal é contratado por ETT (unhas 280 persoas traballadoras das arredor de 900 coas que conta a empresa) e entra na compañía coas categorías profesionais máis baixas, pero despois asígnanselle funcións de categorías superiores. “Isto provoca un tapón para o persoal fixo, que se atopa con moitas dificultades para promocionar”, tal e como sinala Anxo Lúa, da CIG-Industria de Pontevedra. Esta problemática afecta especialmente as mulleres (que constitúen o 70% do cadro de persoal): ocupan todas a categoría de peón practicamente non promocionan.
A proposta salarial da empresa tampouco convence ao comité, xa que contempla un 3% de incremento para 2024, un 3,1% para 2025 e un 3,1% para 2026, mentres que para 2027 a suba sería a que recolla o convenio de da Industria Química máis un 0,2%. Iso si, en todos os casos a actualización anual conforme ao IPC estaría topado ao 1%.
Por iso dende a CIG-Industria reclaman que a revisión salarial se faga sen tope, ao tempo que demandan o establecemento dunha clasificación profesional que remate coas desigualdades e as discriminacións entre o persoal.
Asemblea en Arcade
Por outra banda, o persoal de Aludec celebrará este sábado 28 de xuño unha asemblea no multiusos de Arcade ás 11:00 horas para abordar o contido da xuntanza de hoxe coa empresa e decidir as seguintes mobilizacións.