O centro de saúde de Foz, desabastecido de material básico dende hai días

CIG-Saúde denuncia que é consecuencia da privatización do almacén de subministracións
Foz - 29 Mai 2019

Dende hai 10 días, no centro de saúde Foz non hai papel de mans e para as padiolas onde se atenden aos/ás pacientes. Tampouco hai agullas de extracción para analíticas de persoas adultas dende hai preto de 15 días, o que obriga ao persoal sanitario a utilizar agullas pediátricas, provocándose así un atraso na recollida de mostras. Do mesmo xeito, a CIG-Saúde da Mariña denuncia que falta material de papelería e hai escaseza de gasas, entre outros materiais.

A central sindical atribúe estas carencias á privatización do servizo “e á escaseza de material abastecido froito dos recortes (a última vez o 16 de maio), de tal maneira que cando reciben o novo material aos poucos días xa está esgotado ou escasea".

Na maioría dos servizos privatizados os contratos son por longos períodos e as empresas están blindadas contra posíbeis decisións de reverter os servizos ao público”

A situación foi posta en coñecemento da dirección de Lugo, “que é a verdadeira responsábel da xestión dos centros de saúde -a pesar de que "venderon" que a atención primaria sería xestionada desde o Hospital da Mariña-. Unha mentira máis dos dirixentes do Partido Popular para acalar as críticas e protestas", afirman.

A solución achegada pola Xerencia de Lugo é o envío de "forma urxente" do material este venres, é dicir, o centro de saúde terá que estar nesta situación dous días máis. “O SERGAS é o responsábel de controlar a empresa privada e de garantir o abastecemento do material en tempo e forma, e esta situación, xa denunciada no seu momento, é o día a día de todos os centros de  saúde e PACs da nosa comarca”, explica a CIG.

Consecuencias das políticas privatizadoras

A privatización do almacén de subministro, que afectou a todos os centros do SERGAS, foi adxudicado á empresa  Severiano Xestión SL no mes de decembro de 2011 e foi completada o 19 de marzo de 2014. Abarca un período de once anos e ten un importe de 98.130.701,42 euros, IVE incluído. A privatización, engade a CIG-Saúde, provocou a amortización de prazas e desabastecemento  de material.

“Na maioría dos casos estes megacontratos son por un período de tempo moi longo e as empresas están blindadas contra posíbeis decisións de reverter os servizos ao ámbito público”, sinalan desde a CIG-Saúde, para a cal a privatización está a “hipotecar o futuro da sanidade pública”.

A política de privatizacións do PP está a hipotecar o futuro da sanidade pública”

Destacan que mentres a loxística dependía directamente do SERGAS, xestionada por persoal do servizo público de saúde, nunca se produciu carencia ningunha nas subministracións. CIG Saúde explica que, as privatizacións responden á política do PP que beneficia a empresas, “na maioría dos casos ligadas a cargos da propia Administración pública, para faceren grandes negocios a conta da saúde de todos os galegos/as”.

Con esta táctica o PP entregou xa a mans privadas parcelas moi amplas dos centros sanitarios: o servizo de ambulancias, as telecomunicacións do Sergas, o almacenamento e subministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a historia clínica (Ianus) e a receita electrónica, a central de chamadas (que presta un servizo penoso), a alta tecnoloxía etc.

Por iso, dende a CIG-Saúde da Mariña advirten que “se non somos capaces de frear esta estratexia privatizadora, no futuro será moi difícil recuperar a titularidade pública dos servizos privatizados”.