O centro de saúde de Ponteareas vive unha situación límite ao iniciar a xornada do martes cun único médico

CIG-Saúde exixe a cobertura inmediata de todas as prazas para garantir a calidade asistencial
Ponteareas - 02 Set 2022

O pasado martes, 30 de agosto, o centro de saúde de Ponteareas iniciou a xornada cun único médico dos/as 15 profesionais que tería que haber no centro. Durante a mañá, a xerencia paliou a situación mobilizando a dous facultativos, un que pasaba consulta en Covelo e outro que estaba traballando en Mondariz. Unha medida que a CIG-Saúde resume co dito popular “espir un santo para vestir outro”.

Esta situación dáse, denuncian, porque os centros de saúde teñen sen cubrir a totalidade das prazas estruturais, sendo Ponteareas neste momento un dos centros máis prexudicados da área sanitaria. Esta falta de profesionais non permite asumir as ausencias imprevistas que se xeran no centro, empeorando en período vacacional.

Esta problema, que se dá en case todos os centros de saúde da área, produce situacións inasumíbeis en centros pequenos e rurais e de xeito excepcional nun centro como o de Ponteareas, que viviu a situación extrema de contar cun único médico para atender preto de 23.000 habitantes. Mais nin sequera os tres facultativos que finalmente consultaron o pasado martes son suficientes para tal volume de poboación.  

A CIG-Saúde alerta que a desproporción entre o número de profesionais e a poboación que hai que atender obriga a que a asistencia que se priorice sexa a urxente, deixando a prestación programada para persoas crónicas nun segundo plano. Así mesmo, a falta de continuidade na asistencia nos cupos que levan moito tempo sen médico/a e que se cobren cada día cun/ha profesional diferente produce preocupación na poboación pola falta de asistencia.

A CIG xa denunciou o pasado ano que o centro de Ponteareas tivera que pechar todas as axendas do 15 de agosto até o 16 de setembro, atendendo só as urxencias. Porén, este ano semella que a situación empeorou aínda máis.

Esta falta de cobertura, que se vén prolongando no tempo, está a levar a todo o persoal a unha situación límite pola sobrecarga de traballo.

A CIG-Saúde exíxelle á xerencia que exerza a súa responsabilidade de dirección dunha vez por todas e que se tomen as medidas inmediatas de cobertura que permitan un normal desenvolvemento do centro de saúde, así como que asuma as medidas organizativas oportunas para poder desenvolver o traballo en condicións dignas para as persoas traballadoras e usuarias.