O colectivo de brigadistas do SPDIF mobilizarase o 25 de xaneiro polos seus dereitos

Nacional - 19 Xan 2024

Brigadistas do SPDIF convocan para o vindeiro xoves, día 25 de xaneiro, ás 10:30 horas, una concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, fronte a consellaría de Medio Rural (explanada da antiga estación de autobuses), en San Caetano, para reclamar os seus dereitos e en demanda dun servizo público integral de emerxencias no medio rural.

Esta é a segunda mobilización que, con este motivo, convoca o persoal bombeiro forestal, para reclamar, entre outras cuestións, que se incremente o tempo de traballo das e dos fixos descontinuos que só traballan seis meses ao ano.

Segundo explica a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, desta volta queren denunciar ademais a “paralización total por parte da Xunta, coa conivencia do resto das organizacións sindicais, das negociacións por un acordo de condicións laborais que abranga a todo o persoal bombeiro forestal e do SPIF (persoal laboral e funcionarizado) que a día de hoxe esta sen dereitos laborais”.

Servizo público integral de emerxencias

Xunto a isto, o colectivo reclama a activación deste servizo de emerxencias integral en crises ambientais coma a dos péllets, xa que “se está a obviar a consideración legal de servizo esencial e de emerxencias que ten, mentres se fai unha batalla política por parte da Xunta coa falta de medios, cando ten os seus propios medios sen mobilizar a pesar de que o risco de incendios é mínimo, por non dicir nulo, estes días”.