O Colectivo de Pensionistas e Xubilados/as da CIG volve saír ás rúas o 3 de novembro

Concentraranse diante de centros sanitarios en demanda dunha sanidade pública forte
Nacional - 31 Out 2022

O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG convoca para o vindeiro xoves, día 3 de novembro, concentracións contra a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, polas graves consecuencias que isto ten para un colectivo que, dada a súa idade, é especialmente vulnerábel e precisa dunha atención sanitaria digna para facilitar a súa calidade de vida.

CONCENTRACIÓNS

  • A Coruña: 11h, Casa do Mar
  • Compostela: 12h, Centro de Saúde Concepción Arenal
  • Ferrol: 12h, Centro de Saúde Fontenla Maristany
  • Lugo: 11.30h, Centro de Saúde Praza de Ferrol
  • Ourense: 11:30h, Centro de Saúde Valle Inclán
  • Vigo: 11h, Centro de Saúde Rosalía de Castro
  • Pontevedra: 11:30h Hospital Provincial

A CIG leva anos denunciando a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública. A chegada da pandemia puxo en evidencia as carencias que este desmantelamento deixou neste servizo indispensábel e foi o persoal, os e as profesionais da Sanidade Pública, quen sostiveron co seu esforzo e a costa moitas veces da súa propia saúde a atención sanitaria durante estes momentos críticos.

Dous anos despois, cos traballadores e traballadoras da Sanidade nunha situación de esgotamento, vense máis claramente as consecuencias das políticas privatizadoras do Partido Popular: enormes listas de agarda tamén na Atención Primaria; falta de profesionais; peche de centros; saturación dos servizos de urxencias...

Diante desta situación, o Colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG vén, desde hai tempo, demandando unha atención digna ás persoas, sobre todo, nos momentos en que son máis vulnerábeis. E a enfermidade é un deses factores que os fai vulnerábeis, por iso a atención sanitaria debe de ser a mellor posíbel, prestada desde unha Sanidade Pública forte, con persoal e infraestruturas suficientes e adecuadas.