O colectivo de persoas xubiladas da CIG de Vigo trasladará ao Cunqueiro a campaña de protestas en defensa da sanidade

Desenvolverá unha concentración no hospital este xoves día 7 ás 11:00
Vigo - 05 Abr 2022

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo trasladará este xoves día 7 ao hospital Álvaro Cunqueiro a campaña de mobilizacións que está a levar a cabo para reclamar unha sanidade pública de calidade, con máis persoal e máis recursos en Atención Primaria, Especializada e Hospitalaria. A protesta diante do centro médico vigués chega despois das celebradas en varios centros de saúde da cidade e terá lugar a partir das 11:00 horas.

As persoas xubiladas e pensionistas da CIG demandan con esta iniciativa os recursos materiais e humanos necesarios para cubrir as necesidades sanitarias da poboación, para o que consideran imprescindíbel levar a cabo máis contratacións de persoal en condicións de traballo dignas e que se acometan as reformas estruturais precisas para garantir unha atención axeitada ao conxunto da cidadanía. 

Reclaman máis persoal en condicións dignas e os recursos materiais precisos

Fan fincapé en que a atención sanitaria á pandemia da covid non pode ser excluínte do resto da asistencia sanitaria que precisa a poboación, polo que instan a Consellería de Sanidade a dotar de recursos o sistema sanitario para dar resposta ás necesidades da poboación. “As novas necesidades agudizaron os problemas: a paralización da actividade ordinaria nos hospitais e o incremento das consultas telefónicas en Atención Primaria, necesarias para evitar a diseminación do virus entre a poboación máis vulnerábel, supuxeron unha importante barreira de acceso á asistencia sanitaria e o atraso de consultas, probas e intervencións que temos que recuperar”, sosteñen.

Ao tempo que lembran que a sanidade pública, e especialmente a Atención Primaria, xa partía dunha situación de sobrecarga e falta de recursos antes da pandemia. “As persoas que traballan en Atención Primaria e nos hospitais sábeno e están a facer esforzos importantes para controlar a pandemia e tamén para manter o seguimento de persoas con doenzas crónicas e dar resposta ás necesidades asistenciais da poboación”. Neste senso, queren deixar moi claro que a situación xerada no conxunto da sanidade pública e na Atención Primaria non é responsabilidade dos e das profesionais.